Noticias

Tonucci: "coas miñas viñetas quero facer visible o que os nenos e nenas pensan: os erros e debilidades dos adultos"

O pedagogo italiano explicou hoxe o contido da exposición 'Imaxinar a educación. 50 anos con Frato', que fai un percorrido sobre a súa filosofía da educación e os espazos públicos


25 abr 2017
Tonucci

O pedagogo italiano Francesco Tonucci asegurou hoxe que a exposición 'Imaxinar a educación.50 anos con Frato', que se inaugurará este venres da man da Deputación, é unha visión retrospectiva da súa filosofía sobre a educación e os espazos públicos a través das súas viñetas, que asina co seudónimo de Frato: "Quero facer visible o que os nenos e nenas  pensan: os erros e debilidades das persoas adultas na súa relación con eles, que debe ser moi diferente da que é na realidade".

Tonucci, o impulsor da idea de que a cidade debe deseñarse tomando como parámetro os nenos e nenas de forma que valla para toda a cidadanía, definiuse como un debuxante que investiga sobre a infancia e a pedagoxía. Lembrou que comezou a publicar as súas viñetas como Frato no ano 1968 na revista Reforma da escola, na que tamén colaboraba con artigos que asinaba co seu verdadeiro nome. "Gustábame ese xogo do 'disfrace' e a partir de aí xurdiron as xustificacións dos meus personaxes. A pesar de que ao primeiro tiven un comezo vergonzoso, a traxectoria foi afortunada –lembrou– xa que Frato chegou tamén, igual ca min, a un honoris causa".

O pedagogo asegurou que os seus debuxos entraron nun mundo difícil, como é o da educación, cunha forte crítica, que mesmo dividiu ese ámbito entre detractores e defensores de Frato. Segundo dixo, no medio educativo a sátira e a ironía sopórtanse mal, polo que as viñetas ou xeraban rexeitamento ou conmovían e levaban a identificarse cos personaxes. "A miña intención era entrar na realidade con Frato desde os ollos dun neno. Facer visible o que non se ve do pensamento infantil para mostrarllo aos adultos, aos políticos... Examinándoas en conxunto vese que as viñetas denuncian as debilidades dos adultos ao relacionarnos cos nenos e nenas cando somos pais, educadores... E todas están baseadas en feitos que me trasladan os propios adultos, profesores... As frases que utilizo son material real que despois se transforma en viñetas", asegurou.

Todo o percorrido de Frato, que celebra o seu 50 aniversario, está recollido na mostra 'Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato' que se abrirá este venres 28 no Pazo da Cultura e estará aberta ata o 11 de xuño. Neste espazo, ademais de reproducións dos debuxos máis significados da súa traxectoria, tamén hai orixinais, materiais de traballo do propio Tonucci, así como obradoiros e espazos de xogos ou relacionados coa bicicleta, a natureza ou a autonomía.

A mostra abrirase ás 17.30 horas do venres cunha conferencia inaugural no auditorio do Pazo da Cultura.

#Somos Tonucci

 A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañou hoxe a Tonucci na presentación da exposición e asegurou que a mostra supón un gran "revulsivo" para dar a coñecer a filosofía do pedagogo italiano na provincia. "É unha gran satisfacción desenvolver este proxecto, que a Deputación defende: conseguir que o espazo público sexa para a xente. O noso compromiso está con ese modelo de cidades", subliñou.

Así mesmo, o vicepresidente provincial César Mosquera salientou que a organización da mostra e de todas as actividades que se están a desenvolver esta semana co pedagogo por toda a provincia supoñen un "salto cualitativo" ao desenvolver a proposta de Tonucci en Pontevedra: "Cando iniciamos este proxecto de Tonucci de propoñer modelos de equidade na escola e na cidade tiñamos dúbidas. A resposta que logramos é para estar satisfeitos. Isto é un grande salto adiante", destacou.

Finalmente, a presidenta subliñou que a Deputación quere contar coa complicidade da cidadanía no proxecto e, para iso, convidou a que veciños e veciñas fagan fotos coas estatuas dos personaxes de Frato que están instaladas na cidade de Pontevedra e as colguen en Twitter coa etiqueta #SomosTonucci. No mes de xuño realizarase un sorteo entre todas as persoas participantes no que se repartirán varios lotes de libros tanto para adultos como para nenos, algúns deles asinados polo propio Tonucci.


Novas relacionadas

Tonucci

27 abril 2017, mobilidade, movilidad, francesco tonucci, provincia tonucci, frato