Noticias

Todo listo para o II workshop da Cátedra de Feminismos 4.0 "Sociedade dixital e xénero. Hackeando ao patriarcado"

Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo convocan charlas e obradoiros enfocados a combater o machismo dixital


27 novembro 2020

A alarmante desigualdade de xénero nos ámbitos laborais relacionados coa economía dixital, os nesgos sexistas e racistas dos algoritmos, e a cada vez máis estendida violencia dixital contra as mulleres feministas, son algúns dos asuntos que se van abordar na II edición do workshop da Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación e a Universidade de Vigo, da man de mulleres expertas nestas temáticas.

Así, baixo o nome de "Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado", o próximo xoves, 3 de decembro, terá lugar a segunda edición do workshop "co obxectivo de manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado "patriarcado dixital". A sesión, aberta ao público, desenvolverase en liña a través do Canal Directo 1 de UVigoTV na seguinte ligazón: enlace de acceso ao workshop en liña

Programa e inscricións

A apertura será ás 9.30 horas, e contará coa participación de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. A continuación desenvolveranse intervencións e mesas redondas con mulleres referentes no eido das carreiras STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas). Xa pola tarde, realizaranse dous obradoiros: Maratón Wikifeminista e STOPmachitroles. Pode consultarse o programa completo do workshop no enlace: programa completo

Para participar nos obradoiros, preme na seguinte ligazón: inscrición en obradoiros

Evitar nesgos sexistas en áreas clave para o futuro

A alarmante desigualdade de xénero nos ámbitos laborais relacionados coa economía dixital, coloca ás mulleres nun escenario moi precario de cara a un futuro no que a tecnoloxía terá cada vez maior peso socio político e económico. Se non conseguimos corrixir esta realidade, as mulleres corremos o risco de ser excluídas dos espazos onde se van tomar as decisións máis importantes para o planeta nos próximos anos.

Ademais, os nesgos sexistas e racistas dos algoritmos xeran máis discriminación e reforzan desigualdades desde posicións aparentemente neutrais, que é necesario desenmascarar. A violencia dixital contra as mulleres feministas é unha práctica cada vez máis estendida e posiblemente organizada. Facebook, Twitter, Instagram, YouTube deciden cales son os contidos axeitados. Quen establece os parámetros destes robots? Por que non existen medidas para protexer ás mulleres dos continuos ataques nas redes? Como debemos combater os machitroles? Que podemos facer para contribuír a visibilizar o traballo das mulleres no ámbito dixital? É necesario organizarse e traballar en rede para responder ao machismo dixital? Este e outros debates son os que se pretenden abordar nesta II edición do workshop, da man de mulleres expertas nestas temáticas, no marco da Cátedra de Feminismos 4.0.

A Cátedra como instrumento para promover a igualdade

A Deputación de Pontevedra xunto coa Universidade de Vigo teñen como obxectivo, a través da Cátedra de Feminismos, promover a igualdade, a non discriminación e accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEAM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.