Noticias

Carmela Silva: "se as mulleres non poñemos a nosa mirada na intelixencia artificial, imos retroceder dunha forma moi grave"

O III Workshop "Hackeando o Patriarcado" da Cátedra de Feminismos 4.0 reivindica a necesidade de tomar decisións desde a esfera pública e privada para rachar cos nesgos de xénero do mundo dixital


18 novembro 2021
Carmela Silva

"Se as mulleres non estamos programando, se non poñemos enriba da mesa a nosa mirada na Intelixencia Artificial, se non estamos propoñendo na investigación e os nosos intereses non están enriba da mesa da sociedade dixital, imos retroceder dunha forma moi grave". Deste xeito pronunciouse hoxe a presidenta provincial Carmela Silva na III edición do Workshop Hackeando o Patriarcado da Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación e a Universidade de Vigo, e que tivo como tema central a Intelixencia artificial feminista fronte aos algoritmos machistas. A xornada, que se desenvolveu de xeito telemático e presencial contou coa participación de expertas de prestixio no ámbito dixital e da intelixencia artificial, elixidas desde o Comité de Sabias, co obxectivo de manter un espazo de reflexión para cuestionar o papel que están a desempeñar as tecnoloxías na lexitimación das brechas e nesgos de xénero, así como atender a información do "tecnofeminismo".

Carmela Silva definiu este encontro como "un grande acontecemento de reflexión seria, rigorosa e científica" para facer fondas análises, tanto de denuncia da actual situación como de aportacións en positivo para "superar unha situación tan grave que é xa unha realidade".  Incidiu na necesidade de actuar dende xa desde o ámbito público e privado para frear a grave desigualdade que están a sufrir as mulleres no eido dixital "e que non sigamos no camiño de continuar a sufrir unha discriminación histórica".  Neste senso, destacou que "hai que tomar decisións e reclamar a outras administracións con competencias que as adopten xa". "Se xa no mundo analóxico –afirmou- as porcentaxes de mulleres en todos os ámbitos están moi por debaixo do que representamos no mundo, os datos da Intelixencia Artificial amosan que o estamos aínda máis. Temos un reto complexo por diante para tomarnos moi en serio o que está acontecer, xa que podemos desaparecer da toma de decisións e iso é algo que non se pode permitir a sociedade. Por unha cuestión democrática, porque somos a metade do mundo, pero tamén por unha cuestión de intelixencia, de que non se pode perder a metade do talento que somos". Apuntou tamén que esta situación terá consecuencias na "preocupante" violencia dixital que sofren as mulleres "que xa é moi virulenta e que pode ir in crescendo".

A  presidenta afondou no feito da escasa matriculación de mozas nas carreiras STEAM como unha das cuestións a traballar, "porque é un número que está moi por debaixo dos homes que están a construír o que xa é a sociedade do presente e sen dúbida a do futuro". E cualificou os actuais datos da presenza de mulleres na Intelixencia Artificial como "moi preocupantes", porque sinalan por exemplo que tan só un 13% das persoas programadoras en España son mulleres ou que a nivel mundial as profesionais de Intelixencia Artificial só representan un 22%, sendo un 11% no caso das que escriben software e un 12% as que teñen capacidade de decisión no desenvolvemento da IA. "Parecía que o mundo dixital íanos abrir portas, con  máis dereitos e oportunidades, pero os datos sinalan todo o contrario. Non estamos a construír a Intelixencia Artificial, que xa está aquí, e os nesgos de xénero son intolerables"

Pola súa banda, o reitor Manuel Reigosa fixo tamén fincapé na situación de desigualdade do ámbito tecnolóxico, e subliñou a necesidade de que o discurso da igualdade se amose firme "fronte a ultradereita, parte da dereita e fronte as involucións que nos propoñen, e a quen di que a igualdade xa está acadada". "Estamos moi lonxe dela e neste eido moito máis, queda moito traballo por facer", afirmou, tras lembrar que a UVigo ten a defensa da igualdade reflectida no seu plan estratéxico "porque dentro do noso labor de formación temos que conseguir que todas as nosas graduadas e graduados sexan embaixadores da igualdade".  

Tamén a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, Rebeca Díaz, destacou o labor que queda por facer neste eido, subliñando que "o inimigo que temos é pensar que xa estamos case a pre", tras recordar que precisamente no eido dos estudos STEAM  a presenza feminina ten unha porcentaxe máis baixa "polo que é bo que  estas xornadas se celebren en centros onde a priori esa proporción de mulleres é moito menor, algo que tentamos resolver entre todas e todos".  "A pesar desta desigualdade,  desde  este centro tratamos de fomentar a visibilidade da muller no noso ámbito e de  vencer as desigualdades día a día", engadiu.

Presentada pola presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, abriu a xornada a catedrática Karina Gibert, doutora en Computación e directora do centro de investigación Intelligent Data Science and Artificist Intelligence (IDEAI) da Politécnica de Cataluña, que abordou unha charla sobre "Intelixencia Artificial, igualdade e perspectiva de xénero", na que afondou "nos nesgos que están a impactar nos dereitos das mulleres".

Por outra banda, Lorena Fernández enxeñeira informática e directora da identidade dixital da Universidade de Deusto e divulgadora sobre STEAM con perspectiva de xénero titulou a súa charla "Soñan os androides con ovellas machistas?", mentres que Nerea Luis, doutora en Ciencias da Computación e cofundadora de T3chFest falou sobre "Intelixencia artificial, transparencia e explicabilidade para promover modelos intelixentes feministas".

Na xornada celebrouse así mesmo unha mesa redonda na que participaron a activista dos dereitos humanos Ona de Donestch, coa charla "Libérate das estruturas patriarcais de GAFAM"; a coach e licenciada en Ciencias Políticas Paola Pozzi, que falou do "Ciberacoso: outra forma de violencia contra as mulleres" e o profesor de Ciencias da Computación e investigador Manuel Fernández, que fixo unha "Introdución da perspectiva de xénero en materias de intelixencia artificial". Amais de Amparo Alonso, as relatoras foron presentadas polas expertas Soledad Torres, enxeñeira en Telecomunicacións e profesora na Universidade de Vigo; Encina Calvo, profesora de Física Aplicada da Universidade de Santiago, e Luz Castro, enxeñeira en Telecomunicacións e profesora da UVigo. As conclusións correron a cargo da directora da Unidade de Igualdade de la Universidade de Vigo, Águeda Gómez, e a deputada de Novas Tecnoloxías Ana Mejías.

O workshop finalizará esta tarde co obradoiro Wikigap, cuxo obxectivo é traballar por unha Wikipedia comprometida coa igualdade, mediante a visibilización do traballo das mulleres, xerando biografías (actualmente son só o 15% do total de entradas na Wikipedia). Será impartido por Adrián Estévez Iglesias, editor de forma activa na Galipedia desde 2007 e socio de Wikimedia España desde 2016 e de Wikimedia Portugal desde 2018.