Noticias

Todas as prazas cubertas para os cursos intensivos de español da Deputación para persoas inmigrantes

En total 60 persoas se beneficiarán desta iniciativa dirixida a facilitar a preparación do diploma DELE necesario para adquirir a nacionalidade española


22 agosto 2017
DELE

Os cursos intensivos de español ofertados pola Deputación de Pontevedra dirixidos a persoas inmigrantes para a preparación dos exames do Diploma de Español como Lingua Estranxeira (DELE), cubriron en apenas un mes a totalidade das súas prazas. As clases impartiranse entre os meses de setembro e decembro e o alumnado dividirase en catro grupos cun máximo de 15 estudantes por quenda.

Os tres primeiros cursos comezarán o vindeiro 18 de setembro, un no Pazo provincial de Pontevedra e dous, un de mañá e un de tarde, na sede da institución provincial en Vigo. A cuarta quenda, tamén na sede de Vigo, estenderase do 27 de novembro ao 20 de decembro en horario de 17:30 a 20:30 h, entre o 27 de novembro e 13 de decembro, e de 18.30 a 20:30 h, entre o 14 e o 20 de decembro.

Esta iniciativa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, posta en marcha este ano por primeira vez, e que está orientada a facilitar a formación necesaria a estas persoas para que poidan obter o nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes, requisito necesario para a adquisición da nacionalidade española. Para obtelo é necesario superar unha proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social.

Os cursos que promove a Deputación pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE. Para acadalo, a institución provincial organiza catro cursos de español gratuítos, no Pazo provincial e na Sede da Deputación en Vigo, dirixidos ata un máximo de 60 persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen preparar o exame do DELE para a obtención da nacionalidade española.

Os cursos, que serán integramente subvencionados pola Deputación incluíndo o custe de matrícula do DELE, serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrante para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral.


Novas relacionadas

Curso de español para emigrantes

03 novembro 2018, curso, cursos, español, inmigrantes, español para inmigrantes
cursos de español para persoas inmigrantes

18 setembro 2017, xuventude, cohesión social, vigo, deputación de pontevedra, inmigrantes, cursos de español
Cursos Español

16 setembro 2017, deputación de pontevedra, concursos, español, cursos de español para imigrantes