Noticias

"Tecendo lazos" chega este xoves a Silleda cun curso de risoterapia e mindfulness

38 municipios da provincia participan este ano neste programa provincial que busca promover espazos de encontro entre distintas xeracións


06 novembro 2018
Tecendo Lazos

O programa "Tecendo lazos" 2018 da Deputación de Pontevedra chega este xoves 8 de novembro a Silleda co obxecto de fomentar un espazo de encontro entre distintas xeracións para que así poidan, ao tempo que aprenden dunha temática nova, intercambiar aprendizaxes, recursos e ideas. Este ano no programa participan 38 concellos da provincia.

Máis polo miúdo, o obradoiro versará sobre Risoterapia e Mindfulness e vaise desenvolver na Casa da Xuventude de Silleda, sita na rúa Trasdeza, nº 90. Tomarán parte nel 19 persoas, que acudirán ao taller os xoves comprendidos entre o día 8 e o 29 deste mes, ambos inclusive, e o vindeiro mércores 5 de decembro, día de finalización do obradoiro, en horario de 17h a 20h, excepto a última sesión que se iniciará unha hora antes, ás 16h.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 € ao programa no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada taller poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40 % de menores. A súa duración é de 16 h lectivas e axústanse a catro temáticas diferentes: "Risas en familia", "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", "O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre" e "Faino ti".

Todos os obradoiros inclúen o módulo "A historia do meu municipio", a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Neste caso estará dirixido por Ana Couso, que terá a labor de coordinar un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o Concello da Lama co proxecto "Andando gaña o muíño, que parado está perdido".

"Tecendo lazos" diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son  38: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

Este ano sumáronse 12 concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en "Tecendo Lazos" 26 municipios da provincia. En concreto, o ano pasado tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos talleres realizados.