Noticias

Só 25 aspirantes a mestras e mestres composteiros pasan á seguinte proba

O tribunal fixou a nota de corte en 48 puntos sobre 100 logo de descontar os erros e as contestacións en branco no test realizado hoxe


03 marzo 2017
Examen de mestre composteiro

Só 25 aspirantes a mestras e mestres composteiros pasarán á seguinte proba para acadar unha das 15 bolsas convocadas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Revitaliza. Tras corrixir de xeito informático o test de 107 preguntas, a comisión de cualificación decidiu fixar a nota de corte en 48 puntos sobre 100 –logo de descontar a puntuación correspondente aos erros e ás contestacións en branco–.

A listaxe de admitidos e a de respostas correctas publicarase hoxe na web www.depo.gal. Abrirase un prazo de dous días hábiles para presentar posibles reclamacións e, unha vez resoltas, publicarase a relación definitiva de persoas que pasarán á seguinte fase. A data para a realización da entrevista persoal, con toda probabilidade, coincidirá a mediados deste mes.

Segundo explicou o vicepresidente, Mosquera, a Deputación recibiu 232 solicitudes para participar no proceso de selección; excluíronse 20 candidatos por non cumprir os requisitos das bases e foron convocadas a exame 212 persoas, das que non se presentaron 64. A intención é seleccionar 20 candidatos para realizar o curso de formación na Facultade da Compostaxe e deixar algún en reserva por se hai algunha renuncia. A idea é que 15 se incorporen como mestres e mestras composteiras, aínda que non se descarta un número maior: "decidimos seleccionar 15 bolseiros contando con que van ser necesarios máis; posibelmente, segundo vaia a incorporación dos concellos ou a dinámica –para aplicar a compostaxe como sistema de tratamento de lixo– se poida ampliar o número a 18 ou á totalidade dos 20", dixo o nacionalista.

En canto aos aprobados, 13 foron mulleres e 12 homes. Algúns deles xa se presentaran á primeira convocatoria das bolsas realizada en 2015 pola Deputación, na que aprobaron o exame pero non superaron o acceso por non chegar, naquel entón, á nota de corte esixida.

Por outra banda, e como anécdota curiosa que demostra o interese suscitado pola convocatoria, ao exame de hoxe presentouse un galego que reside actualmente en Noruega e se trasladou a Pontevedra para facer a proba. Solicitou, de pasar á seguinte fase, a posibilidade de facer a entrevista vía Skype e non ter que estar de xeito presencial nas instalacións da Deputación.

A dotación económica das bolsas das mestras e mestres composteiros ascende a 1.400 euros ao mes, que inclúen gastos por axudas de custo e desprazamentos. A duración das prácticas nos diferentes centros de compostaxe comunitaria (CCC) instalados nos concellos da provincia será de seis meses desde a súa incorporación, prorrogables ata un máximo dun ano. A súa función consiste en xestionar os CCC e promover a compostaxe como sistema de xestión do lixo que trata a parte orgánica dos residuos municipais de xeito máis económico e ecolóxico, potenciando tamén a utilización de composteiros individuais e, incluso, a participación na posta en marcha de plantas comarcais de compostaxe.

Próximas fases

Logo do exame tipo test desenvolvido hoxe, as persoas aspirantes pasarán a unha segunda fase que consistirá nunha entrevista persoal de carácter obrigatorio e non eliminatorio que versará sobre o currículo, obxectivos profesionais ou dispoñibilidade, que permitirá comprobar a preparación dos candidatos. Terá unha puntuación de 20 puntos.

O tribunal de valoración das probas de acceso –test e entrevista– está integrado polo xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal, un secretario (técnico de Xestión do Servizo de Cooperación cos Municipios) e tres vogais (o enxeñeiro xefe do Servizo de Cooperación cos Municipios, a xefa de sección de Bioloxía Molecular da Estación Fitopatolóxica Areeiro e unha administrativa do Servizo de Asistencia Intermunicipal).

A terceira fase de selección para as mestras e mestres composteiros consistirá no curso de formación, de carácter obrigatorio e eliminatorio, cunha duración de catro semanas, na que se deu en chamar a Facultade da Compostaxe. Os aspirantes deberán superar as materias impartidas ao longo do propio curso, que terá módulos avaliados polos profesores correspondentes –chegados de universidades, empresas e administracións públicas da UE, do Estado, así como tamén de Galiza– .

Vídeos


Novas relacionadas


07 febreiro 2017, composteiros, compostadores, maestras, maestros, mestras, mestres
Imagen representativa de una noticia de colectivos o temas

01 dec 2015, compostaxe, mestres composteiros, compostadores, composteiro