Noticias

SmartPeme pon en marcha esta semana outros sete obradoiros online

Ata o 23 de outubro o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre negocios en liña, fotografía, debuxo con Onshape, Facebook Ads, Google Analytics, Google Adwords e a marca turística


18 outubro 2020

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana sete novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre o negocio en liña, fotografía, debuxo con Onshape, Facebook Ads, Google Analytics, Google Adwords e a marca turística.

En concreto, o luns Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá o obradoiro "Estratexia de palabras clave para posicionar o teu negocio en liña". Ao día seguinte, 20 de outubro, será a quenda de dúas novas accións: "Cámara réflex: aprende a utilizar o modo manual en fotografía", a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, e "Debuxo con Onshape, PartStudio IV", impartida polo experto universitario en robótica Manuel Freire.

O mércores, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas, falará sobre  "Facebook Ads". Na xornada do xoves están previstos dous obradoiros: a diplomada en Ciencias Empresarias Esther Garciñuno desenvolverá "Informes personalizados en Google Analytics" e María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Comunicación Corporativa, impartirá a acción "Introdución a Google Adwords". Por último, o venres 23 levarase a cabo "Creación e difusión dunha marca turística", a cargo de Mariana Rosa, graduada en Turismo e técnica superior en Axencia de viaxes e xestión de eventos.