Noticias

"SmartPeme" ofrece en xuño sete novas accións formativas no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


02 xuño 2018
SmartPeme en Pontevedra

A oficina de "SmartPeme" na cidade de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación, acolle durante este mes de xuño un total de sete accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

As quendas son as seguintes: este venres 5 de xuño, "Xestiona o teu negocio desde o móbil", ás 19:00 horas (todas as accións de xuño en Pontevedra terán lugar nese mesmo horario). Nesa mesma semana, o xoves 7, será a quenda de "Marketing de contidos: Como xerar unha estratexia efectiva". A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 12 baixo o nome "Parte práctica da Lei de protección de datos 2018, RGPD Europeo" (que será retransmitida en directo para todas as persoas interesadas que non poidan asistir) e, a seguinte, "CRM, o cliente como centro da estratexia de negocio. Módulo I" o xoves 14 de xuño. O seguinte curso, "Edición de fotografía para plataformas e-commerce", impartirase o martes 19. Esa mesma semana, o xoves 21 de xuño, será a quenda de "Pagos co móbil, últimas tendencias". Por último, o martes 26 xuño será a quenda de "Crea presentacións profesionais con Prezi". A oficina "SmartPeme" de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.

"SmartPeme" desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual. O programa abre tres novas grandes liñas: o "Centro Provincial de Economía Dixital" (CPED), no viveiro de empresas de Barro, "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC".

A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

"SmartPeme Impulsa" abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente "TurisTIC" erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de "SmartPeme" contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.