Noticias

Sara Rey, gañadora do ‘II Premio de Microteatro da Memoria' organizado pola Deputación e a ESAD

A peza ‘A patente do sol' destacou "pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente e a súa viabilidade escénica"


18 decembro 2021
Xurado dos premios

A directora de escena e dramaturga Sara Rey vén de gañar o ‘II Premio de Microteatro da Memoria' convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) coa peza ‘A patente do sol'. O xurado destacou a obra entre os traballos presentados pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente, a súa carga emocional e tamén a súa viabilidade escénica.

O galardón foi comunicado á autora pola deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quen quixo subliñar a calidade da peza, que supón unha boa continuación para traxectoria do certame, que este ano cumple a súa segunda edición. Rey explicou que xa se tivera presentado ao Premio na pasada edición, polo que agradeceu o recoñecemento ao seu traballo.

‘A patente do sol' foi presentada baixo o lema ‘Un terrón de azucre pintado de rosa'. Destaca "un aspecto histórico descoñecido, como é o da epidemia da polio, así como as marcas físicas da posguerra desde a perspectiva da poboación civil". Segundo a propia autora, trátase dunha peza de "autoficción" posto que xurde a raíz da reflexión sobre as secuelas da enfermidade que tivera o seu pai cando era cativo e da análise da xestión da epidemia durante a ditadura, que non prestou atención ás persoas enfermas.

O Premio, dotado con 500 euros, foi concedido por un xurado formado pola escritora Eva Mejuto; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; e o Xefe do Departamento de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galicia, Dani Salgado. Valorouse que "a peza axuda a reflexionar sobre a memoria cunha ollada desde o presente. Establece unha conexión coa actualidade. Alterna partes de narración directa e outras de diálogo e na parte máis narrativa o discurso implica unha carga emocional, sen caer no sentimentalismo".

Tamén se destacou que desde o contexto da actual pandemia "se lembre outra situación semellante, que foi neglixentemente xestionada e silenciada", ademais da súa viabilidade escénica, xa que tanto o tema como o seu tratamento permiten múltiples solucións.

A gañadora Sara Rey, é unha coruñesa afincada en Vigo que comezou moi pequena no mundo do teatro. O seu futuro encamiñouse na adolescencia grazas á Compañía de Teatro Noite Bohemia da Coruña, onde ademáis de actuar, tivo a posibilidade de escribir e dirixir a súa primeira peza, unha adaptación do mito do xuízo de Paris, que quedou finalista no X Concurso Nacional de Teatro Clásico Grecolatino (MEC) cando tiña apenas 19 anos.

Estudou Historia da Arte pola Universidade De Santiago de Compostela e ao rematar fixo as probas para a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia, na que actualmente cursa o 4º e último ano. Nestes anos de formación traballou como axudante de producción na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e este ano como axudante de dirección de Tito Asorey (Fariña, o Empapelado amarelo...) na montaxe "A lúa vai encuberta", das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante (gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais). Está, neste momento, rematando os seus estudos superiores de arte dramática en Vigo e iniciándose na traxectoria profesional cun proxecto que non lanzará ata xuño de 2022.

O ‘Premio de Microteatro da Memoria' da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á Memoria Histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeneracional. Segundo afirma a deputada María Ortega "é fundamental promover a sensibilidade e  dar a coñecer os feitos acontecidos no noso pasado dunha maneira crítica, que mozos e mozas saiban como o golpe do 36 truncou todo un porvir de apertura e modernidade, e facelo sendo innovadores e visuais: o microteatro é unha vía non moi explorada aínda".

Unha vez fallado o certame, a Deputación e a Esad teñen previsto facer a entrega do galardón a comezos do vindeiro mes. 


Novas relacionadas

María Ortega e o novo director da ESADg Roberto Relova asinan un novo convenio

27 outubro 2021, memoria histórica, certame, esadg