Noticias

Deputación e ESADg convocan o 'II Certame de Microteatro da memoria'

A deputada de Memoria Histórica María Ortega e o novo director da ESADg Roberto Relova asinaron un novo convenio de colaboración


27 outubro 2021
María Ortega e o novo director da ESADg Roberto Relova asinan un novo convenio

Seguindo o camiño de "facer memoria" coa xente moza a Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, vén de renovar o seu acordo de colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg) para celebrar a segunda edición do Certame de Microteatro da Memoria e consolidalo como unha actividade provincial..

A nova edición toma o relevo do certame do ano pasado, que segundo explicou a deputada responsable da área, María Ortega, foi todo un éxito xa que foron moitas as persoas alumnas e ex alumnas da ESADg as que presentaron as súas pezas a concurso. Ademais, a obra gañadora, ‘Un biolo na noite' de Ana Abad de Larriva recolleu a inquedanza do departamento ao crear a iniciativa "de abordar a memoria histórica dende unha perspectiva de xénero, país e clase".

A deputada agradeceu á ESADg a súa implicación neste proxecto, así como en todos aqueles outros que "lle lanzamos dende a Deputación de Pontevedra" e subliñou a importancia de utilizar formatos diferentes e non habituais para abordar unha temática –a memoria- que, como se di nas bases do certame, ás veces "está esquecida".

Pola súa banda, o director da ESAD Roberto Relova manifestou tamén o agradecemento á Deputación por "todo o cariño e o afecto" amosado co único centro de formación de arte dramática de Galiza, do que dixo "está a loitar por ser un espazo libre, femista, e onde a memoria ten moitísimo percorrido e moitísima importancia".  

O certame é unha motivación para a ESAD, segundo Relova, porque implica investigación, pedagoxía e que o alumnado se implique "con historias serias e rigorosas que teñen que ver coas historias do seu pobo". Subliñou que hai moita receptividade e un interese enorme en que se asinase o convenio porque "son oportunidades de conciencia, pedagóxicas e de práctica. Únese todo nun proxecto que fai país: proxéctase a lingua, proxéctase a nosa memoria, aa nosa historia, e queremos estar aí", finalizou o novo responsable da Escola.

As bases para participar no certame estarán dispoñibles na web da Deputación (depo.gal) e da ESAD dende o vindeiro martes 2 de novembro. Poderá presentarse calquera persoa que así o desexe, achegando pezas curtas (cunha extensión máxima de 20 folios a unha cara), de estilo libre e en lingua galega. O premio único está dotado de 500 euros.

O prazo de presentación finaliza ás 00:00 do 30 de novembro, debendo realizar entrega telemática ao correo electrónico esad.galicia@edu.xunta.es co asunto ‘II Certame de Microteatro da memoria'. O xurado estará conformado pola persoa xefa do Servizo de  Dinamización da Lingua Galega da ESADg ou persoa en que delegue, unha persoa docente da ESADg, e unha persoa que designe a  Deputación.

Fotos

Audios

  • Audio
    María Ortega convenio ESAD certame microteatro memoria
  • Audio
    Roberto Relova convenio ESAD certame microteatro memoria