Noticias

Saen a licitación as obras de mellora da estrada provincial Dimo-Coaxe en Catoira

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o proxecto ascende a preto de 80.000 euros e deberá estar finalizado en catro meses logo do inicio dos traballos


24 agosto 2018
Catoira

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Mobilidade, vén de sacar a licitación as obras de mellora de seguranza viaria na estrada provincial EP-8703 Dimo-Coaxe, dentro do concello de Catoira. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, as empresas interesadas en realizar os traballos terán ata mediados de setembro para presentar as súas ofertas para executar o proxecto, que ascende a 78.728,67 euros e deberá estar finalizado en catro meses logo do inicio dos traballos.

O proxecto para a mellora da estrada provincial consiste na implantación de medidas de seguranza viaria e calmado de tráfico entre o inicio da vía e o punto quilométrico 1+600, aproximadamente. Segundo apunta Benítez, esta actuación pretende conseguir que os vehículos que circulan pola estrada acompasen a súa velocidade ao paso de persoas, fomentando unha mellor convivencia e unha substancial mellora tanto para os coches como para as e os peóns.

Así, construiranse ao longo da traza 14 redutores físicos de velocidade e dous pasos de peóns sobreelevados para crear unha ‘zona 30' e tratar de reducir a marcha dos vehículos que circulan por este treito. Por outra banda, modificarase a traza da curva situada á altura da igrexa de san Pedro de Dimo, onde se ampliará o radio de xiro para aumentar a comodidade da condución e unha mellora da visibilidade na zona grazas a unha berma de dous metros no pé do noiro interior da curva.

Ademais, a obra permitirá reordenar a intersección da marxe esquerda á altura do 1+360 para permitir o cambio de sentido mediante o pintado dunha semiglorieta, así como crear un carril-cuña de deceleración duns 30 metros de lonxitude. O deputado Benítez destaca o traballo do concello para conseguir os terreos precisos, xa que chegou a un acordo co arcebispado que permitiu afectar a parte das súas propiedades.