Noticias

En marcha as obras da Deputación para mellorar a seguranza viaria na estrada provincial Dimo-Coaxe en Catoira

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a empresa "Arines, Obras e Proxectos SL" é a responsable dos traballos, que deberán estar listos no verán


19 febreiro 2019
Catoira

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ten xa en marcha as obras de mellora da seguranza viaria na estrada provincial EP-8703 Dimo-Coaxe, dentro do termo municipal de Catoira. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a empresa adxudicataria foi finalmente ‘Arines, Obras y Proyectos SL', que terá un prazo de catro meses para a execución do proxecto, o que significa que estará rematado para inicios do verán se non se producen complicacións.

O proxecto para a mellora da estrada provincial consiste na implantación de medidas de seguranza viaria e calmado de tráfico entre o inicio da vía e o punto quilométrico 1+600, aproximadamente. Segundo apunta Benítez, esta actuación pretende conseguir que os vehículos que circulan pola estrada acompasen a súa velocidade ao paso de persoas, fomentando unha mellor convivencia e unha substancial mellora tanto para os coches como para os peóns.

Construiranse 14 redutores físicos de velocidade e dous pasos de peóns sobreelevados para crear unha ‘zona 30' e tratar de reducir a marcha dos vehículos que circulan por este treito. Por outra banda, modificarase a traza da curva situada á altura da igrexa de San Pedro de Dimo, onde se ampliará o radio de xiro para aumentar a comodidade da condución e unha mellora da visibilidade na zona grazas a unha berma de dous metros no pé do noiro interior da curva.

Ademais, a obra permitirá reordenar a intersección da marxe esquerda á altura do 1+360 para permitir o cambio de sentido mediante o pintado dunha semiglorieta, así como crear un carril-cuña de deceleración duns 30 metros de lonxitude. O deputado Benítez destaca o traballo do Concello para conseguir os terreos necesarios, xa que chegou a un acordo co arcebispado que permitiu afectar parte das súas propiedades.