Noticias

"Rompe. Xoga en igualdade" chega o mércores ao IES San Tomé de Freixeiro de Vigo para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista

A presidenta provincial, Carmela Silva, participará ás 12 horas na visita guiada á exposición impulsada pola Deputación de Pontevedra


22 abril 2019
Rompe. xoga en igualdade

Desde este mércores, 24 de abril, e ata o vindeiro 16 de maio, o vestíbulo do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) acollerá a mostra "Rompe. Xoga en igualdade", promovida pola Deputación de Pontevedra para denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres. A presidenta, Carmela Silva, participará ás 12 horas, na visita guiada á mostra na que poderán verse os 18 paneis que compoñen a exposición e que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias ante as situacións de desigualdade e discriminación das mulleres.

"Rompe. Xoga en igualdade" é unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. As protagonistas son as famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar, de forma impactante e rompedora, a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación contra o 52 % da poboación.

"Rompe. Xoga en igualdade" consta de 18 paneis, cuxas protagonistas amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación. A boneca seleccionada para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.