Noticias

A exposición "Rompe. Xoga en igualdade" chega este luns a Campo Lameiro para concienciar sobre a necesidade de rachar coa violencia machista

A mostra está composta por 18 paneis cheos de "poesía visual" que poderán visitarse no hall da casa do concello ata o 23 de abril


31 marzo 2019
Rompe e Xoga en Igualdade

Desde este luns 1 de abril, e ata o vindeiro 23 deste mesmo mes, Campo Lameiro acollerá a mostra "Rompe. Xoga en igualdade", impulsada pola Deputación de Pontevedra para denunciar a discriminación e a desigualdade que sofren as mulleres. A mostra, que nesta ocasión estará protagonizada por 18 paneis cheos de "poesía visual", poderá verse no hall da casa do concello de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas.

"Rompe. Xoga en igualdade" é unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre mulleres e homes. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

En "Rompe. Xoga en igualdade" as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.