Noticias

Recepción de 350 participantes de "DepoEmprende na Escola"

A presidenta da Deputación asegurou que este proxecto permitirá que os centros educativos da provincia estean máis pegados á realidade fomentando a creatividade das nenas e dos nenos


30 nov 2016
depoemprende na escola
depo emprende na escola

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu hoxe no Pazo provincial e acompañada pola Deputada de Emprego, Montse Magallanes, ás arredor de 340 nenas e nenos de oito colexios públicos da provincia que están xa a participar no programa "DepoEmprende na Escola". Grazas a este proxecto de emprendemento, o alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria de nove escolas da provincia está a crear e a xestionar unha cooperativa na que fabricarán produtos que van vender ao remate do curso académico nun mercado ou unha feira da súa localidade. Estas 340 nenas e nenos viñeron dende Cambados (CEIP Antonio Magariños Pastoriza), Cangas (CEIP A Rúa), Pontevedra (CEIP Príncipe Felipe e CEIP Barcelos), Redondela (CEIP Laredo), Ribadumia (CEIP Xulia Becerra), Vigo (o CEIP Frián-Teis) e Vilaboa (CEIP Plurilingüe Riomaior). Tamén participan no programa rapazas e rapaces de Tui (do CEIP Plurilingüe nº 1) que non puideron asistir á xornada. As cooperativas destas rapazas e rapaces elaborarán produtos artesanais, elaborados con materiais reciclados, algúns deles animando tamén ás persoas consumidoras a coidar a natureza e empregar a lingua galega, ou produtos artesanais relacionados coa arte ou coa horticultura sostible que distribuirán en paquetes creados a partir de materiais reciclados.

A presidenta provincial asegurou sentirse "emocionada polo compromiso dos mestres e mestras de todos os centros, xa que a mestría é algo fundamental nunha sociedade que ten que formar á mocidade para que adquiran coñecementos pero tamén principios, valores, estratexias e capacidades que os e as permitan poderse desenvolver nun mundo tan complicado". Carmela Silva asegurou que "con este proxecto imos desenvolver habilidades nas nosas nenas e nenos para que poidan ter máis instrumentos e que sexan capaces de que esas ideas que teñen como nenos e nenas, pero máis adiante como persoas adultas, se poidan converter en proxectos reais que creen riqueza, que permitan distribuíla, e construír así sociedades máis xustas, con máis dereitos e valores".

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou, ademais, que "DepoEmprende na Escola" permite que "a creatividade das nosas nenas e nenos non quede aparcada porque non se teña traballado o seu desenvolvemento", xa que "están cheos e cheas de ideas, motivación e ilusión e amosaron ter clara a misión das súas cooperativas, os recursos que precisan para polas en marcha e o que queren conseguir". Respecto a isto último, Silva asegurou que "é moi salientable que todas as cooperativas, ao sinalar en que van empregar os beneficios que dean, teñen un fin colectivo, o que lles engade un valor especial".

Carmela Silva afirmou que "grazas a proxectos coma este estamos permitindo configurar centros educativos máis pegados ás nosas realidades, e facer que o seu alumnado adquira habilidades precisas para poder vivir nun mundo que avanza constantemente e tamén sacar delas e deles o mellor, que xa o teñen dentro, pero lle temos que dar un impulso para desenvolvelo".

O alumnado destes oito centros tivo a oportunidade de visitar diversos espazos do Pazo da Deputación de Pontevedra como a Sala de Xuntas e o despacho da Presidenta, Carmela Silva, antes de regresar ao salón de Plenos onde presentaron as súas oito cooperativas e, ademais, a Presidenta provincial lles entregou o CIF simbólico co que as súas empresas van poder comezar a operar.

O profesorado destes colexios de recibe a formación, certificada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que os e as dota das ferramentas necesarias para que os seus alumnados adquiran a competencia emprendedora que este proxecto persegue.

O programa "DepoEmprende na Escola" ten como finalidades, ademais deste obxectivo xeral, o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise da contorna física, a creación, a convivencia e a cidadanía ou a alfabetización dixital, entre outras. A comunidade escolar da provincia disporá de, entre outros recursos, un portal educativo en Internet onde se lles ofrecerá información útil e documentos de apoio cos que reforzar os contidos dos materiais didácticos empregados nas aulas, así como poderán facer as súas propias achegas para facilitar a coordinación do proxecto.

A súa metodoloxía encadra ao alumnado no papel de protagonista da súa propia aprendizaxe, xa que se basea nun traballo dende a práctica onde esa aprendizaxe é activa, cooperativa e significativa, onde a relación entre o centro educativo e os feitos acontecidos na súa contorna máis próxima estarán presentes a diario.  A materia incluída neste programa se desenvolverá dun xeito transversal, de modo que o alumnado adquirirá coñecementos nas distintas áreas de coñecemento como matemáticas, ciencias, linguaxe, cultura e tamén competencia dixital, social e cívica ou "aprender a aprender".


Novas relacionadas

Presidenta

08 setembro 2017, juventud, programa, xuventude, nenas, nenos, depoemprende escola, niñas, primaria