Noticias

A Deputación aproba o proxecto de seguridade viaria no contorno do cemiterio e parque das Pedrosas de Silleda

Cun investimento de máis de 270.000 euros a actuación inclúe a construción dunha rotonda na intersección entre a EP-7201 Silleda-Cachafeiro, a PO-201 e o viario local


10 xullo 2021
Xunta de Goberno 10-07-2021

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto para a mellora da seguridade viaria na EP-7201 Cachafeiro-Silleda, unha demanda histórica da veciñanza, mediante a construción dunha nova rotonda no contorno do cemiterio municipal e parque das Pedrosas de Silleda que permitirá regular o tráfico de xeito seguro na intersección entre a estrada provincial, a PO-201 e o viario municipal. Tamén poranse en marcha elementos redutores de velocidade e a renovación de servizos urbanos.

O proxecto, que terá un prazo de execución de cinco meses, suporá un investimento de 273.111 euros, que tamén servirá para a creación dunha senda que rodeará a glorieta para separar o tráfico peonil. Deste xeito crearase un espazo de seguridade viaria para o tránsito das peoas e dos peóns, cunha nova beirarrúa con dimensións adaptadas ás novas normas de accesibilidade. Contará con 2,5 metros de ancho e permitirá eliminar a actual pasarela elevada xa que se construíran pasos de peoas e peóns elevados para o calmado de tráfico. Igualmente incluirase a renovación da iluminación e da recollida de pluviais, e repavimentar e reinstalar sinalización horizontal e vertical adaptada á nova actuación.

As obras que a Deputación vai impulsar en Silleda enmárcanse no plan de mellora da mobilidade e seguridade viaria nas estradas provinciais. No marco deste plan, a Deputación está a realizar unha replanificación profunda e conceptual das actuacións en materia de mobilidade, impulsando iniciativas para aumentar a seguridade viaria en toda a súa rede de estradas, facendo especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables entre os que se atopan as persoas con mobilidade reducida, ciclistas, peoas e peóns.