Noticias

Dúas estradas provincias do Porriño e Gondomar incrementarán a súa seguridade tras a aprobación do proxecto de mellora por parte da deputación

As actuacións teñen un orzamento de preto de medio millón de euros e realizaranse na EP-2403 Mosende-Mordagáns e na EP-2404, que dá acceso a Chenlo


16 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra continúa engadindo valor ás estradas provinciais ao dar luz verde a un proxecto que servirá para mellorar a seguridade viaria nos concellos do Porriño e Gondomar. En concreto, as obras realizaranse na EP-2403 Mosende-Morgadáns e na EP-2404, que dá acceso a Chenlo, contan cun orzamento de 487.900 euros e se enmarcan no modelo de mobilidade sostible, segura e amable da institución provincial.

O proxecto ten un prazo de execución de catro meses e con el mellorarase a seguridade viaria en case 12,3 quilómetros de estrada posto que se actuará en 11,5 quilómetros da EP-2403 e en case 0,8 da EP-2404. As obras comprenden o fresado da estrada, reposición do firme, sinalización -tanto horizontal como vertical-, mellora da drenaxe e instalación de sistemas de contención de vehículos, coa fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria.

A Deputación é titular de 377 estradas que contan con case 1.700 quilómetros de lonxitude, o que supón a metade da rede viaria da provincia, e traballa para que todas elas se atopen nas mellores condicións posibles para as persoas usuarias. A través de proxectos como o aprobado nesta última Xunta de Goberno, a institución provincial posibilita o mantemento das mesmas e trata de que todas elas sexan máis sostibles e seguras para as persoas que transitan polas mesmas.