Noticias

Preto de 300 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa "En Ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 3 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


03 agosto 2018
En Ruta coa Depo

O Programa "En Ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 4 novas excursións na que participan 270 persoas de 3 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 108 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Perla de Arousa e da Asociación de Mulleres en Igualdade de Busto visitarán o conxunto histórico de Cangas, igrexa do Hío, miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home; Cabo Udra e Museo Massó, en Bueu.

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes AREVA- Asociación de Alcohólicos Rehabilitados poderán coñecer Pendellos de Agolada; Museo A Solaina de Piloño, Fundación Xosé Neira Vilas e igrexa de San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces.

E xa por último, 108 persoas da Asociación Camiño Vello de Marín e Comarca farán a ruta por San Simón: illa de San Simón, Museo Meirande, Redondela, castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

"En Ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En Ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.