Noticias

Preto de 150 persoas de oito concellos da provincia súmanse aos obradoiros de "Depo en marcha"

O programa da Deputación de Pontevedra permitirá ás persoas maiores da provincia adquirir coñecementos en informática e en musicoterapia


24 setembro 2017
Depo en marcha

Os concellos de Baiona, Cambados, Cuntis, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, O Rosal e Salceda de Caselas súmanse esta semana, desde o 25 ata o 29 de setembro, a unha nova entrega dos obradoiros do programa "Depo en Marcha 2017" da Deputación de Pontevedra. Esta acción da institución provincial impartirá, ao longo deste exercicio, un total de 161 cursos para entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas de 45 concellos da provincia de Pontevedra. Os obradoiros deste semana suman arredor de 150 novos e novas participantes.

O luns 25 de setembro comezan unha acción formativa para 18 persoas da Asociación Veciñal de Barrantes, en Ribadumia, que recibirán formación en "Manualidades variadas", para o que adquirirán destrezas sobre técnicas básicas de traballos manuais, os tipos de materiais e a elaboración de diferentes tipos de elementos ornamentais. Ademais, arredor de 20 persoas da Agrupación Musical do Rosal iniciarán o obradoiro de "Ximnasia de mantemento", no que estas persoas maiores adquirirán unha maior destreza na coordinación dinámica de movementos e do equilibrio, ao tempo que realizarán exercicios de quecemento muscular e articular e adquirirán tamén as destrezas necesarias para a relaxación física e psíquica.

O martes 26 será a quenda de 17 persoas da Asociación de Persoas Xubiladas e Pensionistas Baños de Cuntis, que recibirán a súa formación en "Conservando a memoria", no que aprenderán o funcionamento da memoria, adquirindo técnicas de adestramento para o desenvolvemento da mesma, reflexionando ademais sobre a relación entre unha boa memoria e unha dieta equilibrada. Tamén un grupo de 22 persoas procedentes da Asociación Artístico-Cultural de Guláns, en Ponteareas, iniciarán "Elaboración de xabóns", no que coñecerán a tradición da artesanía galega, coñecerán as destrezas das técnicas de traballo manual, o uso da cor e aspectos ornamentais.

O mércores 27 de setembro, 19 persoas do Centro Cultural Baíña, en Baiona, desenvolverán "Arte coas flores", que inclúe nocións sobre recoñecemento destas especies e as ferramentas para desenvolver actividades, sobre conservación, combinación de elementos e manexo e colocación das flores con fins ornamentais.

O xoves 28, "Depo en marcha" chegará a Redondela e a Cambados. A Asociación Veciñal de Chapela iniciará un obradoiro será sobre "Plantas medicinais" no que participarán 18 persoas. Nesta actividade coñecerán e diferenciarán os tipos de plantas con capacidades terapéuticas, as ferramentas básicas para o desenvolvemento da actividade e as orixes destas técnicas e procesos, e a aplicar as técnicas de semente, coidado, recolección e tratamento das plantas medicinais. No caso de Cambados, 17 integrantes da Asociación O Batuqueiro de Vilariño iniciarán un obradoiro de "Tapiñas e petiscos", no que adquirirán as destrezas para elaboralos, para a presentación e decoración dos produtos e tamén normas básicas de seguridade e hixiene alimentaria.

Por último, o venres 29 A Asociación Veciñal San Xurxo iniciará un obradoiro en Salceda de Caselas para un total de 15 persoas en "Risoterapia" para coñecer os beneficios desta na saúde e mellorar o seu estado anímico e físico a través da risa.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este programa de fomento do envellecemento activo a través de actividades encaixadas en diversas temáticas e que conta cun orzamento de 120.000 euros. Con "Depo en Marcha 2017", a institución provincial busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e tamén o intercambio de experiencias.

As 8 alternativas de obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán "Traballando coas mans": arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e traballos manuais; "Entre fogóns": cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; "Aprendendo da natureza": plantas medicinais; "Móvete": pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; "Activando corpo e mente": conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; "Enredando": xogos tradicionais e teatro; "Dálle marcha": bailes de salón, pandeireta e canto popular; e, por último, "En rede": Internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As actividades terán lugar nun total de 45 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.


Novas relacionadas