Noticias

Rebeca López, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo, premiados coas bolsas do certame Novos Valores 2021 do Museo de Pontevedra

As obras galardonadas teñen "cargas conceptuais e fan reflexións impotantes" sobre diversas temáticas, explica o director Xosé Manuel Rey


02 xullo 2021
Novos Valores 2021

Rebeca López Villar, coa peza Sen Título (Sobre paseos e arrepentimentos), Adrián Solleiro con Reflexión, Diego del Río con Ras Al Hanout II e Daniel Cerecedo con Picasso y Richter (después de), foron as persoas merecedoras das bolsas do certame Novos Valores na súa edición de 2021 do Museo de Pontevedra.

As tres creacións pictóricas e a escultórica foron elixidas por unanimidade polo xurado grazas á súa calidade, presentando "cargas conceptuais e reflexións importantes, ademais de ser variadas na súa temática", segundo explicou o director do Museo, Xose Manuel Rey, quen apuntou tamén que nesta ocasión inverteuse a tendencia de que as mulleres foran maioritarias nos galardóns. As catro obras formarán parte da exposición que terá lugar entre o vindeiro xoves 8 de xullo e o 12 de setembro no Edificio Sarmiento do Museo xunto a outras dez pezas elixidas como as mellores das 29 presentadas.

Sen título

A pintura Sen título (sobre paseos e arrepentimentos) de Rebeca López Villar (Vigo) reflexiona sobre a paisaxe e aborda tres cuestións: os conceptos de arrepentimento e paseo e a idea do proceso artístico. O marco teórico da peza queda plasmado coas definicións recollidas na instalación pictórica, e garda relación coas investigacións de memoria histórica que realiza a autora. "E é aí precisamente onde se mesturan os dous focos da pintura: xa que a memoria histórica é un terreo pantanoso, non exento de polémicas de diferentes dimensións (mesmo cando se abordan desde a práctica artística), quixen establecer un xogo conceptual coa figura do arrepentimento, ese proceso que aparece unha e outra vez na historia da arte como unha sorte de corrección das pinturas que é visible no resultado definitivo", explica.

En canto ao destino da bolsa de 7.500 euros concedida polo Museo, a intención da autora é continuar a formación artística vencellada coa xestión e a redacción cultural a través da realización dalgún mestrado, con opcións entre a Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural (UVigo), o Xornalismo Multimedia (Valencia), ‘Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento (USC), ou a Especialidade: Arte e Debuxo do Máster Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas (UVigo).

Reflexión

A escultura Reflexión de Adrián Solleiro González (Tui) é unha peza figurativa modelada cuxa imaxe que ‘xoga' cun espello. "Motivado pola ilusión óptica que xera ver o molde dun rostro (dependendo da luz, tes a sensación de estar a ver a faciana en positivo), decidín facer esta muller mirándose no espello, e este devolvéndolle a imaxe do seu rostro dado a volta. O espectador, pola proximidade da figura ao espello, só pode ver o rostro no reflexo e, axudado pola pintura, pode chegar a percibir esa sensación estraña de dubidar se está en positivo ou en negativo, como se tratase dun holograma", abonda o autor.

Os 7.500 euros da bolsa serviranlle a este creador para continuar co proxecto iniciado coa obra gañadora, e tamén para formarse grazas a cursos sobre anatomía aplicada á escultura, pintura con aerógrafo, procesos técnicos da escultura ou incluso sobre electrónica e robótica, cuestión que considera interesante para incorporar ás súas pezas.

 

 

Ras al Habout II

Diego del Río Comesaña (Ferrol) conseguiu a bolsa de Novos Valores grazas á obra Ras al Habout II, unha continuación da peza presentada na edición de 2019. Trátase dunha serie de 21 cadros de 50x25 de pintura ao óleo sobre soporte de aluminio. O autor busca con ela indagar na experiencia da viaxe do artista "como acto de resistencia ante o novo individualismo". "Nivel Ao Hanout II supón outro intento de traducir a termos artísticos as experiencias persoais que tiven nas miñas viaxes, unha tarefa imposible pero obsesiva. A luz cegadora que se reflicte nas paredes gastadas das construcións en ruínas pertence á imaxe que me formei das cidades e os pobos que visitei en Marrocos. Así mesmo, é o resultado dunha viaxe interior cuxo escenario é outro e sitúase na confrontación diaria coa Collezione Bandullo, coa obra de Sexan Scully, durante a miña estancia en Varese. Aquí conflúen dous das viaxes máis importantes da miña vida ata o momento", apunta.

En canto á bolsa, destinaraa a realizar máis viaxes como experiencia artística, a unha estancia de investigación na Academia di Belle Arti di Brera (Milán) a finais deste ano, a unha residencia artística no Shangyuan Art Museum de Pekin durante tres meses aínda por determinar, e tamén a unha na Residencia Corazón de Bos Aires -este verán-.

Picasso y Richter (después de)

Finalmente, Daniel Cerecedo Bretal (A Pobra do Caramiñal) conseguiu tamén unha bolsa grazas á obra Picasso y Richter (después de). A súa orixe está no relato da competición artística contada por Plinio o Vello na que se enfrontaban Zuxis de Heraclea e Parrasio de Éfeso co propósito de determinar cal era o mellor pintor do momento. O gañador do premio Novos Valores propón simular un concurso similar de maneira ficticia e actualizada, no que se propón o reto de realizar obras baseadas en Picaso e Richter sen empregar pintura (a través da tecnoloxía) e enfrontar aos dous artistas a unha imaxe xerada integramente coa computadora (un código QR) con información virtual á que as persoas observadoras poderían chegar mediante a súa lectura cun móbil. Segundo explica, "a nosa atracción polo que está oculto e o noso afán por saber farán que ‘fagamos enter'", así a todo, esa acción non producirá ningún resultado mais que demostrar a vitoria da obra ‘dixital' a través dun engano do intelecto.

O destino da súa bolsa será realizar un curso de pintura con Jaime Valero e formalizar a matrícula no programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea (na Facultade de Belas Artes de Pontevedra), así como custear os gastos derivados destes estudos.

Fotos