Noticias

29 Artistas formalizan a súa participación no certame de Novos Valores 2021

O xurado reunirase o próximo luns 7 para valorar os traballos e facer a primeira criba seleccionando aos que participarán na exposición colectiva


31 maio 2021

O Museo acaba de receptar a formalización de 29 artistas para participar no certame de Novos Valores 2021. Así se constatou tras pecharse o prazo de entrega da documentación técnica, sendo a categoría maioritaria a pintura (con 8 creacións), para despois seguir outras técnicas diversas e mixtas (7), a vídeoinstalación (5), fotografía (4), escultura (2), gráfica (1), debuxo (1), e gravado (1).

Comeza agora a seguinte fase do concurso, a reunión do xurado para facer a primeira criba e seleccionar os traballos merecedores de formar parte da exposición colectiva, que só poderá incluír -un máximo de- 25 das 29 presentadas. O encontro será o vindeiro luns, ás dez da mañá, e reunirá a José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra; María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Itziar Ezquieta Lamas, artista plástica e profesora asociada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra; Carmen Hermo Sánchez, artista e profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Pilar Corredoira, historiadora de Arte Contemporánea e comisaria de exposicións; e Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro.

Xa na terceira fase entregaranse as obras (do 14 ao 18 de xuño) e farase a montaxe da exposición no Museo. Será entón, previamente á inauguración, canto o xurado se reunirá unha vez máis e concederá as catro bolsas gañadoras, que terán un importe de 7.500 euros cada unha e estarán destinadas a ampliar os estudos artísticos das persoas autoras, permitíndolle realizar novos proxectos. A mostra abrirase logo ao público entre o 8 de xullo e o 12 de setembro.