Noticias

Pontevedra acolle este mes de abril oito novos obradoiros do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


03 abril 2018
SmartPeme Pontevedra

O Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acollerá, durante o mes de abril oito novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita do mes na oficina "SmartPeme" de Pontevedra terá lugar mañá mércores 4 de abril co curso "Ven a descubrir que son e para que serven as redes sociais". Tras este primeiro obradoiro, esa mesma semana, o venres 6 de abril, impartirase "Como utilizar Instagram para promover a túa empresa". A seguinte semana terán lugar dous novos obradoiros de "SmartPeme": o martes 10 de abril, "Prestashop I: comeza a crear a túa propia tenda online" e, o xoves 12 de abril, "Como mellorar a reputación online do teu establecemento de hostalería".

Pola súa banda, a seguinte semana, os obradoiros continuarán en Pontevedra o luns 16 de abril con "Prestashop II: xestión dunha tenda online" e "mellora a calidade das túas imaxes con editores online", o xoves 19 de abril. Por último, o luns 23 de abril Pontevedra acollerá o obradoiro "Aprende a crear vídeos promocionais para o teu negocio" e rematará o mes con "Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo".

Todos os obradoiros realizaranse a partir das 19 horas, agás os días 6 e 12 de abril, que serán ás 17 horas, e as inscricións poden facerse chamando ao 886 202 020 ou ben a través do correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou da páxina web www.smartpeme.depo.es.

Lembramos que o proxecto "SmartPeme exponse a unha nova etapa na que verá aumentados os servizos a prestar, abrindo tres novas grandes liñas como son o "Centro Provincial de Economía Dixital" (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñibles para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital vanse dar a coñecer ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para elo, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

Doutra banda, SmartPeme Impulsa, abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan estratéxico de turismo Rías Baixas, pretende potenciar ao sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de "SmartPeme" contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico, e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.