Noticias

O viveiro de empresas de Barro acolle en xuño sete accións formativas nas TIC do programa "SmartPeme"

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


03 xuño 2018
SmartPeme en Barro

O viveiro de empresas de Barro acolle durante o mes de xuño un total de sete accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, "SmartPeme" oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita do mes terá lugar o martes 5 de xuño ás 19:00 horas coa acción "Parte práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo" (con retransmisión en directo do obradoiro). O xoves 14 terán lugar as dúas partes do obradoiro "A mellor imaxe para inmobiliarias, unha estratexia exitosa", impartíndose o módulo I ás 18:30 horas e o módulo II ás 20:00 horas. O martes da seguinte semana tamén se impartirán as dúas partes do curso "En que teño que fixarme para facer un modelo 3D?", ás 18:30 terá lugar o primeiro módulo e ás 20:00 o segundo. Por último, "Iniciación ao escaneado 3D – Modulo I" e "Iniciación ao escaneado 3D – Módulo II" impartiranse o martes 26 de xuño ás 18:30 horas e 20:00 horas, respectivamente. A oficina "SmartPeme" de Barro atópase no viveiro de empresas do Polígono e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.

"SmartPeme" desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas na contorna económica actual. O programa abre tres novas grandes liñas: o "Centro Provincial de Economía Dixital" (CPED), no viveiro de empresas de Barro, "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC".

A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

"SmartPeme Impulsa" abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente "TurisTIC" erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de "SmartPeme" contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.