Noticias

Pazos de Borbén aforrará 26.000 euros na súa factura eléctrica coa modernización de 188 puntos de luz gracias ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Gregorio Agís: "O Plan Concellos é un instrumento de financiación que permite aos municipios tomar decisións, con total respecto á autonomía local"


14 abril 2021
Iuminación Pazos de Borbén

O Concello de Pazos de Borbén avanzou na modernización da rede de iluminación pública nos lugares de Pazos, O Pousiño, Torrente e A Alén, traballos que suporán para o municipio un aforro anual duns 26.000 euros ao substituír as antigas lámpadas por tecnoloxía led. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, xunto ao alcalde, Andrés Iglesias, visitaron os catro núcleos, nos que se investiu un total de 73.220 euros ao abeiro do Plan Concellos. Na visita estiveron acompañados da deputada Iria Lamas e varias concelleiras e concelleiros.

Gregorio Agís puxo de relevo o interese da actuación e o aforro que supón: "Estamos falando dunhas luminarias que supuñan un gasto enerxético que superaba os 33.000 euros e que agora se reduce a 7.700 euros. Un aforro anual moi importante para un concello pequeno". O deputado lembrou que "o Plan Concellos é un instrumento de financiación que permite aos municipios tomar decisións, con pleno respecto á autonomía local", e insistiu na importancia da cooperación dentro do municipalismo. "É importante que a Deputación se implique na mellora do rural e das instalacións municipais, sempre coa colaboración do Concello. Seguiremos colaborando con Pazos de Borbén para a mellora do municipio, ao igual que facemos con todos os concellos da provincia", afirmou.

Pola súa banda, o alcalde agradeceu a visita: "É un pracer tervos aquí, porque cando se vén é porque se fan cousas, e neste caso estamos contribuíndo a respectar ao medio ambiente e a frear o cambio climático". Andrés Iglesias citou tamén a importancia de pensar na veciñanza e de que a relación entre os concellos e Deputación funcione, polo que reiterou o seu desexo de "facer máis cousas conxuntamente".

As obras consistiron na substitución de 188 puntos da iluminación municipal: 50 lámpadas en Pazos, 91 en O Pousiño, 35 en Torrente e 12 na Alén. Ademais, procedeuse ao cambio e modernización de 5 cadros de mando, á substitución dos cables e á dotación de novas tomas de terra, tanto en cadros como en puntos de luz. O novo sistema optimiza o consumo e a calidade da iluminación, adaptándose á evolución da luz natural. Tamén reduce os custos de mantemento e mellora o prendido e apagado. Deste xeito, o concello pacense reduce o consumo dos 187.438 Kw/h ao ano a só 43.020 Kw/h ao ano, o que supón un aforro anual do 77 %.

A Deputación fixo posible que o Concello de Pazos de Borbén teña recibido desde 2015 un orzamento total de máis de 3,4 millóns de euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. En concreto, este concello da área de Vigo destinou a maior parte destes investimentos á ampliación da súa rede de saneamento, á mellora, asfaltado e recuperación de camiños e á elaboración do inventario de bens municipais. Ademais, a contribución da institución provincial permitiulle contratar a preto de 100 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais. Este ano Pazos de Borbén dispón de 420.155 euros do Plan Concellos para novas actuacións.