Noticias

Os Roteiros Literarios da Deputación de Pontevedra serán os grandes protagonistas do lecer da provincia esta fin de semana

Ademais da estrea co Roteiro de Dramaturxia, a institución ten ata o domingo máis dunha ducia de actividades culturais e deportivas en Soutomaior, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Bueu, Silleda, Mos, Lalín, Meis, Vigo e Ponte Caldelas


09 setembro 2021

A Deputación de Pontevedra fai patente unha vez máis a súa aposta pola cultura e o deporte e achega unha ampla programación para o lecer da provincia na que unha nova edicións dos Roteiros Literarios será a gran protagonista da fin de semana. Ademais da súa estrea co Roteiro de Dramaturxia en Vigo, os concellos de Soutomaior, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Bueu, Silleda, Mos, Lalín, Meis, Vigo e Ponte Caldelas acollerán actividades dos programas provinciais "Música no ar", "Musigal", "Bosques terapéuticos" e "Depo andainas", e darán comezo a dúas novas citas da carteleira dos Rías Baixas Film Festival.

O prato forte da programación cultural desta semana terá lugar en Vigo co Roteiro de Dramaturxia, o primeiro dos cinco Roteiros Literarios que, un ano máis, viaxarán pola memoria literaria dos municipios pontevedreses. O primeiro encontro literario terá lugar o domingo 12, ás 11.30 horas, co dramaturgo Ernesto Is como guía, cun percorrido que abrangue o auditorio municipal, o Museo de Arte Contemporánea, a praza de Portugal, Churruca, o Teatro García Barbón, a Taberna Eligio, o Sereo, a praza de Compostela, a rúa Carral e a estación marítima, para coñecer os emprazamentos que serviron de inspiración, así como algúns dos máis ilustres fragmentos.

Os Rías Baixas Film Fest estarán tamén moi presentes esta fin de semana. O Primavera do Cine, que ofrece un amplo abano de obradoiros e curtas ata o domingo 12 en Vigo; e o venres 10 estréase o FIC Bueu, que na súa 14.ª edición volve para  dar a coñecer o mellor cine internacional en formato curto en Bueu. Ata decembro, o emblema audiovisual da marca provincial completará o seu cartel cos festivais Play-Doc (22-26 setembro), Festival de Cine Inclusivo (12-16 outubro), Galician Freaky Film (29-2 outubro) e Novos Cinemas (14-19 decembro).

No terreo musical as posibilidades son moitas e moi diversas. Terá lugar en Vilagarcía de Arousa a última cita dos Rías Baixas Fest, o Revenidas, un destino musical cunha proposta que inclúe gastronomía, cultura mariñeira, circo e concertos. "Música no ar" encherá de música os concellos de Soutomaior, co concerto de Pulso Ensemble o xoves 9, ás 21:00 h; Cangas, co concerto de Raíces Aéreas o venres 10, ás 20:30 h e Silleda, co concerto de Brais González & Beatriz Arenas o sábado 11, ás 20:00 h. Pola súa banda, "Musigal" ofrece, tamén o sábado ás 20:00 h, o concerto de Cantando á Nosa Terra en Mos. Ademais, do 10 ao 12 de setembro terá lugar a XXVIII edición do Festival Revoltallo en Vigo.

Por último, no eido do deporte, a Deputación oferta un total de tres actividades. "Bosques terapéuticos" achega dúas novas experiencias. A primeira terá lugar o sábado na Fraga de Catasós, nos arredores de Lalín, cunha ruta que esconde carballos e castiñeiros centenarios protexidos baixo a figura de monumento natural. A segunda, o domingo, percorrerá a Ruta da Pedra e da Auga, un sendeiro de 1,4 quilómetros en Meis no que se visitarán máis de 30 muíños. Finalmente, este domingo terá lugar en Ponte Caldelas a última das "Depo andainas" deste ano. Esta andaina pola senda do río Verdugo, de aproximadamente 8,5 quilómetros, fará gozar ás persoas participantes da tranquilidade dos camiños dos pescadores do río Verdugo.