Noticias

Os obradoiros do programa "Conectadas 2017" chegan esta semana a máis de 10 concellos da provincia

Máis de 300 mulleres se beneficiarán esta semana da iniciativa de Igualdade, que busca potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


26 setembro 2017
Conectadas

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta semana 26 novas accións formativas dentro do programa "Conectadas 2017", promovido polo Servizo de Igualdade da institución provincial, para 13 concellos da provincia de Pontevedra e dos que se beneficiarán un total de máis de 300 mulleres destas localidades. Os inicios desta semana dos obradoiros, que están dirixidos a potenciar a participación e promoción das mulleres e a mellorar a súa formación básica, terán lugar nos concellos de Cangas, Catoira, A Estrada, Gondomar, A Guarda, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Vigo, Vilaboa e Vila de Cruces.

Onte luns tiveron lugar as primeiras quendas da semana, nos seguintes concellos: en Catoira, un obradoiro de zumba para 20 mulleres da Asociación de Amas de Casa Muíños do Vento. Na Guarda, coidados e dependencia para 16 mulleres da Fundación As Samaritanas. Desde Ponteareas, 17 mulleres da Asociación Artístico-Cultural de Guláns participarán nunha formación en arte floral e ornamentación. 24 mulleres da Asociación Veciñal Caselas, en Salceda de Caselas, iniciarán un obradoiro de zumba. Un grupo de 15 mulleres da Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo formarase en alfabetización dixital (Internet, correo electrónico, tablets, smartphones…) e, por último, un grupo de mulleres da Asociación de Mulleres O Agarimo do Deza, en Vila de Cruces, recibirá formación en ximnasia de mantemento.

Este martes 26 de setembro "Conectadas 2017" chega a outros tres concellos. Na Estrada, un grupo de mulleres da Asociación de Mulleres Rurais, Consumidoras e Culturais San Andrés de Vea iniciarán un curso de cestería creativa. En Gondomar, 15 mulleres do Centro Cultural e Deportivo A Merced de Chaín iniciarán un obradoiro de risoterapia e, por último, 20 mulleres da Asociación Veciñal Santa Cristina de Vilaboa recibirán a súa formación en arte floral e ornamentación.

O mércores 27 de setembro dan inicio oito novos obradoiros. En Cangas, 17 mulleres da Asociación Mulleres de Cimadevila, de risoterapia. Na Estrada, da Asociación de Mulleres Rurais de Ribeira, outro grupo de 15 mulleres recibirán formación sobre menú diario de cociña e outras 19 mulleres, da Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora, sobre cestería. En Lalín iniciarán catro obradoiros: un de pilates para 19 mulleres da Asociación de Mulleres en Igualdade de Prado, un de pastelería e repostería creativa para 16 mulleres da Asociación de Mulleres en Igualdade de Cercio, outro de pintura para un grupo de mulleres da Asociación de Mulleres en Igualdade de Busto e, por último, un obradoiro de costura creativa para outro grupo da Asociación de Mulleres en Igualdade de Vilatuxe. Por último, 15 mulleres da Escola de Danza e Música Tradicional Pedra de Garza recibirán formación en traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais.

O xoves 28 de setembro, "Conectadas 2017" chega a Cangas para 15 mulleres da Asociación de Persoas Diagnosticadas de Cancro de Mama, que recibirán formación en menopausa de forma saudable.

Este venres, A Estrada inicia dous novos obradoiros de traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais para un grupo da Asociación Veciñal Santa Apolonia de Guimarei e para 15 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais Castrovalente. En Pontevedra, tamén o venres 29, 19 mulleres da Asociación de Amigas e Amigos de Campolongo iniciarán o seu obradoiro sobre arte floral e ornamentación.

Por último, este sábado 30 terán lugar os inicios doutros tres obradoiros. Na Estrada, hábitos saudables en cociña e alimentación para un grupo da Asociación de Mulleres Rurais de Tabeirós. En Moaña, 15 mulleres participarán a partires do sábado nun obradoiro de reciclaxe e reparacións no fogar.

"Conectadas 2017" ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as súas relacións interpersoais e o intercambio de experiencias ademais de contribuír á mellora da súa empregabilidade e ao mantemento no mercado de traballo e reducir a súa brecha dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías.

O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e empoderamento, ao igual que o seu tecido asociativo e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes. Cada unha das asociacións beneficiarias desenvolve unha acción formativa, de 35 horas de duración, distribuídas entre oito bloques temáticos: "Muller emprende" (emprendemento), "Muller e cultura" (dedicado ás artes visuais), "Actualízate" (alfabetización dixital), "Coas túas mans" (traballos manuais), "Porque ti o fas" (xardinería e ornamentación floral), "Súmate ao cambio" (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe…), "Ponte en forma" (deportes) e "Coidados persoais".

A Deputación de Pontevedra destina a esta edición do "Conectadas 2017" un orzamento de 324.000 euros. O pasado ano máis de 5.000 mulleres se sumaron a estas accións formativas que teñen por obxectivo impulsar a igualdade real e garantir o acceso a todos os membros da sociedade á participación nas distintas esferas e actividades.


Novas relacionadas

Conectadas

01 outubro 2017, obradoiros, conectadas, conectadas 2017, deputación de pontevedra
Adxudicación de Conectadas 2017

20 maio 2017, cursos, conectadas, cursos de formación, conectadas 2017, mejora de la empleabilidad, mellora da empregabilidade