Noticias

Os convites para a presentación en Vigo do libro "Carvalho Calero sen fronteiras", xa a disposición

A sede da Deputación en Vigo acolle este venres 23 ás 20 horas a presentación do proxecto documental dirixido por Aser Álvarez dentro da programación provincial das Letras Galegas 2020


20 outubro 2020
Presentación do libro de Carvalho Calero

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acollerá este venres 23 ás 20 horas un dos actos programados con motivo das Letras Galegas 2020 polo departamento provincial de Lingua: a presentación do proxecto documental realizado por Aser Álvarez titulado ‘Carvalho Calero sen fronteiras'. Mañá mércores ás 9.00h comezará o prazo para a retirada de convites para o evento, aberto ao público pero con aforo reducido debido ás restricións da COVID-19.

Este acto da Deputación, segundo explica a deputada María Ortega, busca "poñer en valor a figura de Calero, a súa relevancia, e dar a coñer a súa persoa, o seu pensamento e a súa obra", indicou, lembrando que xa no mes de maio, coincidindo coa habitual celebración do 17-M, a Deputación conmemorou a efeméride cunha semana de publicacións en redes sociais de lecturas de textos de do autor a través da voz de escritoras e escritores do país, moitas delas da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). 

O libro ‘Carvalho Calero sen Fronteiras', é segundo o propio autor, o resultado do traballo que ‘Arraianos Producións' realizou sobre Calero que se emitiu na TVG e que, xunto a outros traballos e materiais, deu lugar a unha ‘criatura' que pretende homenaxear a un dos autores "máis inxustamente descoñecidos pola súa independencia".

Trátase dun libro no que se recollen os textos, imaxes e a propia visión de Calero, un percorrido pola vida do autor, "un home que foi un resistente ata o final dos seus días". A presentación contará coa música de Moisés Quintas, que acompañará unha pequena parte musicada de poemas e audiovisuais.

Os convites para poder participar terán que solicitarse no correo vicepresidencia@depo.gal, (máximo dous por mail), indicando o nome das persoas asistentes e o número de teléfono de contacto. Cubriranse as prazas por estrito orde de chegada.