Noticias

A música de Xardín Desordenado homenaxea mañá no Museo a Carvalho Calero

Aínda se poden retirar os últimos convites para asistir a este primeiro acto da programación da Deputación polas Letras Galegas no correo vicepresidencia@depo.es


20 outubro 2020
Xardín Desordenado

A música de Xardín Desordenado servirá maña para iniciar a programación prevista pola Deputación de Pontevedra co gallo das Letras Galegas 2020 e homenaxear a Carvalho Calero. Será mañá mércores no Museo de Pontevedra ás 20 horas e aínda están dispoñibles os últimos convites, que se deben solicitar no correo vicepresidencia@depo.es.

Segundo presentou a deputada María Ortega o pasado venres, a Deputación de Pontevedra vai realizar actividades os vindeiros 21, 23 e 30 deste mes tanto no Museo de Pontevedra como na Sede da Deputación en Vigo co fin de "poñer en valor a figura de Calero, a súa relevancia, e dar a coñer a súa persoa, o seu pensamento e a súa obra". 

O integrante de Xardín Desordenado Isaac Garabatos explicou que levan unha década musicando poetas, polo que a oferta de mañá no Museo será unha xornada centrada no descubrimento do sentido poético de Calvalho Calero, ao que cualificou como "directo e emocionante", e arredor do que se tratarán dende temas trascendentais ata a súa relación co seu Ferrol natal e incluso "as reunións entre colegas". "Un exemplo da forza de Calero é o poema ‘Futuro condicional' no que fala dunha rapaza negra que vive unha situación de esclavismo nas mans dos homes brancos e, a pesares da dificultade, a ensalza con poderío", subliñou.

Xa a vindeira semana , o venres 30 ás 20 horas, tamén no Museo, realizarase o espectáculo ‘Eterna e Múltipla', a cargo do colectivo ‘O fruto e a serpe'. Trátase dun híbrido entre un recital, un concerto e unha tertulia "no que a idea principal é o diálogo interxeneracional e interxénero co Calero máis poético e erótico".

Os convites para poder participar nos actos das Letras Galegas deben incluír nome e teléfono de contacto das persoas asistentes. Terán que solicitarse no correo vicepresidencia@depo.gal, (máximo dous por mail). Para o concerto de mañá aínda está aberto o prazo de solicitude, e para o espectáculo do venres 30 as solicitudes comezarán a rexistrarse o mércores 28 ás 9.00 horas.