Noticias

Os arqueólogos da Deputación descubren máis de 20.000 pezas en Alobre que confirman o carácter comercial do xacemento

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comprometeuse a iniciar conversacións coa Xunta de Galicia e Goberno de España para continuar impulsando as escavacións arqueolóxicas na provincia de Pontevedra


26 mai 2016
Castro Alobre

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e o arqueólogo, Diego Piay, visitaron esta mañá a escavación que a institución está a piques de rematar en Alobre e na que se atoparon máis de 20.000 pezas, 240 de bronce.  Carmela Silva puxo en valor a importancia deste xacemento que, a través dos restos que están saíndo á luz, está permitindo descubrir cal era o modelo de asentamento que existía nesta zona das Rías Baixas e demostrando que se trataban de poboados moi desenvolvidos.  

A Presidenta da institución provincial subliñou que "temos a obriga de conservar estes recursos porque forman parte da nosa historia e nos permiten coñecer como se relacionaban e vivían os nosos antepasados pero tamén porque teñen unha potencialidade turística extraordinaria e gran capacidade de incidir no desenvolvemento do noso territorio".  Neste contexto, Silva engadiu que "máis da metade dos turistas que nos visitan veñen por cuestións culturais" polo que manifestou o seu compromiso para "falar inmediatamente coa Xunta de Galicia e o Goberno de España, en coordinación cos alcaldes e alcaldesas, para que unha vez rematado este protocolo de actuación en 18 xacementos da provincia, destinen recursos para continuar impulsando e poñendo en valor toda a nosa potencialidade arqueolóxica e histórica".

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, manifestou o seu compromiso para difundir Alobre como recurso turístico pero tamén como recurso didáctico, para dar a coñecer tanto ós escolares como ás veciñas e ós veciños as orixes históricas da cidade.

O arqueólogo responsable da escavación en Alobre, Diego Piay, destacou que se tratou dun poboado con presenza na fase final da idade de ferro (I.a.C.) cunha grande vocación comercial a longa distancia (probada pola aparición de ánforas béticas e itálicas, morteiros do val do Guadalquivir, cerámicas púnicas, de orixe campano e itálico, etc.) e que nalgún momento no cambio de era queda tapado por un "concheiro" sobre o cal se establece un xacemento da época romana (probablemente unha "domus") que estivo ocupado ata  finais do século III d.C., un século máis do que se pensaba.

Piay subliñou que "nos 495 metros cadrados das 2 hectáreas que ten o castro atopamos 20.000 pezas das cales 240 son de bronce e atópanse en excelente estado de conservación". Entre as pezas achadas, o arqueólogo destacou un denario de prata da época republicana (datado no 69 a.C. no que aparece a deusa romana Vesta), unha moeda de Claudio, un as de bronce, fíbulas en excelente estado de conservación, elementos militares, aneis, pulseiras, cerámicas das fases finais da idade de ferro, etc.

O 1 de febreiro comezaron os traballos de escavación en Alobre no marco do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia de Pontevedra. A actuación en Alobre, que se materializou esta mañá coa firma do convenio entre a institución provincial e o concello de Vilagarcía polo cal a Deputación destina 152.000 € para a posta en valor do xacemento, pretende aportar datos para o mellor coñecemento das relacións comerciais da fase final da cultura castrexa no seu tránsito de cara á romana.