Noticias

A deputación de Pontevedra inicia traballos de acondicionamento no castro Alobre de Vilagarcía

Un equipo de quince persoas realizarán unha intervención para retirar derrubes, limpezas e recuperación de estruturas


20 febreiro 2017
castro Alobre

O equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra comeza hoxe labores de acondicionamento no castro Alobre en Vilagarcía de Arousa. Quince persoas, entre arqueólogos, restauradores e auxiliares, traballarán entorno a dous meses nunha intervención no castro para retirar derrubes  e recuperar as estruturas existentes e realizar limpezas.

Estes traballos, que se prolongarán entorno a dous meses, realizaranse nos 500 metros cadrados da escavación actual e son previos ao inicio da parte de consolidación, musealización e posta en valor dos castros da provincia mediante o convenio que A Deputación mantén co Ministerio de Fomento que se desenvolverá unha vez realizada a adxudicación e a tramitación administrativa por parte do Goberno.

Ademais vaise a realizar unha pequena escavación nova de apenas 60 metros cadrados para completar a feita con anterioridade en dúas estruturas de xeito que podan verse na súa totalidade.

Os achados en Alobre  foron importantes xa que se atoparon  máis de 20.000 pezas das cales 240 son de bronce e atópanse nun excelente estado de conservación. Ademais os achados fixaron que o castro tratouse  dun poboado con presenza na fase final da idade de ferro (I.a.C.) cunha grande vocación comercial a longa distancia , probada pola aparición de ánforas béticas e itálicas, morteiros do val do Guadalquivir, cerámicas púnicas, de orixe campano e itálico.

Entre as pezas achadas en Alobre destaca un denario de prata da época republicana (datado no 69 a.C. no que aparece a deusa romana Vesta), unha moeda de Claudio, un as de bronce, fíbulas en excelente estado de conservación, elementos militares, aneis, pulseiras e diversas cerámicas das fases finais da idade de ferro.