Noticias

Oia recibe preto de 50.000 € para a realización de saneamentos e abastecementos en dous lugares

O grao de execución do Plan Concellos en Oia sitúase no momento nun 86%, co que o Goberno provincial xa investiu na vila 359.133,17 €


31 xul 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial, vén de aprobar unha nova achega ao concello de Oia. Nesta ocasión, trátase de 46.465,67 € cos que Oia realizará saneamentos en Pedornes e abastecementos en Oia, unha actuación que se atopa enmarcada na liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2016.

Con anterioridade, o Plan Concellos xa destinou a Oia 154.385,67 € na liña 1 para a realización dun inventario de bens rústicos e urbanos, o subministro de vallas publicitarias, a mellora das instalacións do parque infantil de Viladesuso e do campo de fútbol das Tornas, os subministros de postes de luz, de sinais e puntos de información, de mobiliario urbano, de material eléctrico e de tubos para a canalización de pluviais no municipio, a realización dun acondicionamento no camiño de Refoxos e a realización de escavacións de preparacións de terreos destinados a albergar un depósito e unha zona de práctica de parapente. Outros 49.265,70 € na liña 2 para gastos correntes, 93.445,95 € na liña 4 de emprego para financiar a contratación de 15 traballadoras e traballadores nos servizos municipais e, na liña 3, 15.570 € que se corresponden ás seguintes actividades: "Intercambio con Oia", a Festa do Rei Sol, actividades infantís de maxia e teatro, o ciclo de concertos polas parroquias da vila, os concertos de primavera, o ciclo de concertos de Nadal, a Festa da Bicicleta e o Festival Costa dos Castros.

Polo de agora, a institución provincial xa leva entregado o 86,5% do destinado a Oia ao abeiro do Plan Concellos 2016, o que supón que o concello xa recibiu a cantidade de 359.133,17 € por parte da Deputación de Pontevedra.