Noticias

O proxecto integral da avenida Luis Rocafort vén de ser aprobado en Xunta de Goberno

César Mosquera tamén aproveitou para reiterar o seu chamamento ao PP e a CCOO para que cesen as ameazas por mor do chamado "o conflito do Parque de Maquinaria"


09 set 2016

A Deputación aprobou esta mañá en Xunta de Goberno o proxecto integral de mobilidade da Avenida Luis Rocafort de Sanxenxo, dando así luz verde a un proxecto longamente agardado e que incluirá importantes melloras e correccións en materia de mobilidade sostible. Así o anunciou o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, sinalando que con este trámite "este proxecto xa non ten marcha atrás", ao tempo que engadiu que a obra "estará a altura do que se merece esa zona". Mosquera aproveitou a súa comparecencia para agradecer o esforzo realizado polo deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e por todo o equipo técnico "polo rigor e polo mimo co que o fixeron, poñendo todo o coidado e con criterios de deseño da máis alta calidade".

Pola súa banda, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou que a licitación do proxecto se realizará por trámite de urxencia co obxectivo de acurtar os prazos e poder ter os traballos iniciados a finais deste exercicio. Na licitación contémplase un prazo de execución das obras de oito meses pero Uxío Benítez sinalou que se valorará que as empresas que presenten ofertas que reduzan ese prazo.

A reforma integral da avenida de Luis Rocafort xa fora obxecto dun convenio asinado o pasado 28 de abril entre o concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra, para transformar esta vía nun referente de mobilidade e calidade urbana. Aínda que anteriormente xa houbera outros intentos de acometer a reforma desta vía, o goberno provincial propuxo unha actuación integral corrixindo e aumentando o proxecto anterior para subsanar graves deficiencias en materia de mobilidade, accesibilidade e seguranza viaria, así como para renovar o saneamento, que non estaba contemplado.

O proxecto aprobado esta mañá contempla beirarrúas con longos de entre 2,5 e ata seis metros, limita a velocidade a 30 quilómetros hora, a instalación  de máis de 60 luminarias para garantir a seguranza viaria (no proxecto anterior prevíanse 14), a construción de cinco pasos de peóns sobreelevados e outras cinco plataformas elevadas nas interseccións, a colocación de estacionamentos de bicicletas e motocicletas, así como novo mobiliario urbano e máis de medio cento de palmeiras, entre outras melloras. Outra das novidades que xa explicou no seu día Uxío Benítez é que se urbanizará a totalidade da vía, incluíndo a conexión coa PO-308: actuarase en 100 metros máis de lonxitude (575 metros lineais) e en 12.381 metros cadrados de superficie fronte aos 9.416 metros iniciais. Como xa se anunciara no seu momento, tamén se incrementou notablemente o orzamento, aportando a Deputación máis de 1,15 millóns de euros, o que supón o 70% da inversión total na rúa (1,65 millóns de euros).

Novo chamamento ao PP e a CCOO

César Mosquera manifestou ademais a súa "máis profunda repulsa" ante as novas ameazas sufridas polo deputado Uxío Benítez  por mor das "supostas reivindicacións" do Parque de Maquinaria. O vicepresidente asegurou que respecta "a liberdade de expresión ata o infinito" pero que as ameazas non son "forma de conseguir nada e non teñen ningún sentido".

As citadas ameazas consistiron en pintadas en varios lugares do centro urbano de Tomiño e de Goián contra Uxío Benítez, nas que nesta ocasión se inclúe o símbolo dunha diana. Mosquera volveu facer un chamamento á cordura aos autores das mesmas, o PP e CCOO, e lembroulles que este tipo de ameazas "non axudan a resolver nada" e afirmou que "é grave que sigamos padecendo as mesmas mañas mafiosas de ameazar persoalmente a alguén"

Uxío Benítez afirmou que neste momento se está redactando un informe en Tomiño sobre o alcance das pintadas, realizadas sobre todo en bens de titularidade pública, e que a nivel persoal volverá a emprender medidas para garantir a súa integridade física.