Noticias

O programa "Depoemprega" imparte esta semana un obradoiro de emprego dixital na Estrada

A actividade ten como obxectivo mellorar a ocupación e inserción laboral das persoas desempregadas


30 mai 2016

O concello da Estrada acolle este luns, 30 de maio, unha actividade da iniciativa DepoEmprega 2015, programa integrado de emprego que desenvolve a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Consellería de Traballo da Xunta de Galicia. Esta iniciativa está dirixida á mellora da ocupación e a inserción laborais das persoas traballadoras en situación de desemprego nos concellos de Bueu, Cangas, A Estrada, O Grove, Ponteareas, Tui e Vilagarcía de Arousa.

Nesta ocasión, a actividade Obradoiro de emprego 2.0 será desenvolvida no Centro Multiusos do concello estradense, situado na avenida Benito Vigo, número 94, entre as 10:00 e as 12:00 horas e contará con cinco participantes. Esta acción formativa ten como obxectivo a xestión de Internet como un medio de busca activa de emprego. A Web 2.0, grazas ás súas ferramentas, permite xestionar a busca de emprego sen se mover da casa. O obradoiro tamén promoverá a creación dunha marca persoal a través dos perfís nas redes sociais, como se se tratara dunha marca comercial.