Noticias

O programa "Mulleres en acción: violencia zero" chega ao IES de Poio cunha performance da parella artística LAG na que participou todo o alumnado da ESO

As actrices Lara Buyo e Ana Corujo reflexionaron a través do xogo e do humor acedo sobre a morneza da nosa sociedade coas violacións e que as mulleres sigan a ser un branco fácil das agresións machistas


04 maio 2017
Mulleres en Acción

O alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria do IES de Poio participou esta mañá nunha performance ofrecida pola parella artística LAG, integrada por Lara Buyo e Ana Corujo, dentro do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", que organiza o Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra para concienciar a sociedade sobre as consecuencias do machismo. Na acción estiveron tamén presentes a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral.

A performance, titulada Branco fácil é unha resposta aos lamentables consellos ás mulleres para non ser violadas que publicou o Ministerio do Interior en 2014, entre os que se atopaban recomendacións como "non pasear soas pola noite, levar un asubío, non poñer o nome na caixa do correo no caso de vivir soas ou correr as cortinas da casa para evitar ser espiadas". Os consellos, que xa non están colgados na páxina do Ministerio, suscitaron enormes críticas por parte de asociacións feministas, partidos e da sociedade civil en xeral por incidir na culpa das mulleres ante as violacións fronte á impunidade dos agresores.

As artistas, vestidas cuns bodies cunha diana na súa parte frontal e atadas a unhas porterías, armaron ás e aos participantes de pistolas de pintura branca e convidáronos a que lles  disparasen. Con esta acción Buyo e Corujo quixeron poñer de manifesto, a través do humor acedo, a ironía e o xogo, "o normalizadas que se atopan as violacións" na nosa sociedade e como as mulleres "seguen a ser un branco fácil" das agresións machistas no noso día a día. Ao remate houbo unha pequena charla para valorar as reaccións das e dos participantes, nas que algún alumno asegurou terse sentido "como un animal" por atacar a persoas inmobilizadas.

Buyo e Corujo forman a parella artística LAG, cun percorrido sempre ligado á  temática feminista, e espectáculos onde a ironía e a reivindicación teñen un gran protagonismo. Consideran que a súa arte en parella non é unha dinámica de traballo, senón que é para elas unha forma de definirse.

A iniciativa da Deputación de Pontevedra reúne o traballo de 25 artistas galegas, especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta edición do programa "Mulleres en acción: violencia zero", que deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, ten previsto recalar ao longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).