Noticias

O programa da Deputación "Violencia zero" chega este luns a Ponteareas coa performance de Silvia Antolín

A terceira parada desta cuarta edición terá lugar no IES Barral ante o alumnado e o profesorado do centro educativo


15 decembro 2018
Mulleres en Acción Violencia Zero

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participará este luns en Ponteareas, as 12.00 horas na terceira intervención artística da cuarta edición do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero", a iniciativa provincial que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica "Corpus Interruptus" terá lugar no IES Barral, coa participación do alumnado e o profesorado do centro, e será protagonizada pola artista cántabra Silvia Antolín con experiencia en escultura e danza en gran parte do territorio nacional, Europa e México. Son performances experimentais nas que abordan as implicacións do corpo nos territorios máis contraditorios do social, o político e o antropolóxico, onde as cuestións de xénero son igualmente fundamentais no seu universo creativo.

Este ano "Mulleres en acción. Violencia zero" volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e novamente se celebra en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).


Novas relacionadas

Mulleres en Acción Violencia Zero

17 decembro 2018, igualdade, salceda de caselas, violencia zero, mulleres en acción