Noticias

Carmela Silva en Ponteareas: "estou convencida de que vós seredes a xeración que vai rematar coas violencias machistas"

A presidenta da Deputación e o alcalde de Ponteareas asistiron hoxe, co alumnado do IES Barral, á terceira acción artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero"


17 decembro 2018
Mulleres en acción. Violencia Zero

O patio do Instituto de Ensinanza Secundaria Barral de Ponteareas acolleu esta mañá a terceira acción artística da cuarta edición de "Mulleres en acción. Violencia zero", que arrincou o pasado mes de novembro e que levará un total de 25 accións artísticas por 25 concellos da provincia para seguir a loitar contra as violencias machistas. Diante do alumnado e do profesorado do centro educativo, a artista multidisciplinar Silvia Antolín representou as ataduras que leva consigo o patriarcado e como hai que loitar para soltalas. A esta nova acción artística asistiron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

Coa obra "Corpus Interruptus", Antolín levou ao patio do centro educativo as ataduras que conleva o patriarcado na nosa sociedade. Nada máis nacer, o patriarcado xa está presente e así o representou a artista sobre o chan, cunha serie de gravatas coas que escribiu a palabra "patriarcado" e empregando estas pezas como símbolo de masculinidade e poder dos homes. Despois de desfacer este sistema, a artista foi atando todas as pezas unha a unha e facendo unha gran corda, que lle axudou a desensarillar un dos estudantes, quen despois tamén axudou a Silvia Antolín a empregar a corda resultante para poder saltar todos sobre ela. Representou así "a liberación, alegría e apoderamento" que significa rachar co sistema patriarcal.

A presidenta provincial lembrou hoxe, ante as rapazas e rapaces de Ponteareas, que "de seguro que seredes vós, todas xuntas e xuntos, a xeración que vai rematar coa violencia machista". Carmela Silva apuntou así á educación como a clave principal para rematar con esta problemática, que este ano xa rematou coa vida de 56 mulleres. A presidenta explicou que "é unha realidade que a desigualdade existe. Os datos así o demostran, pero ao lado desta desigualdade aínda hai outra máis terrible e máis intolerable, que é a que remata todos os días coa vida e coa dignidade das mulleres". Silva puxo exemplos da desigualdade na sociedade, "onde somos máis da metade, pero non hai ningún parámetro que poidamos medir onde as mulleres sexamos a metade en algo". A presidenta expuxo que as mulleres somos máis do 55 % das tituladas universitarias, "pero non estamos dirixindo a metade en ningún dos eidos sociais. As mulleres somos o 65 % das que rematan as carreiras de comunicación, pero só un 11 % dirixen medios de comunicación. E somos mulleres o 52 % das persoas que aproban as durísimas oposicións á xudicatura, pero nos máximos órganos xudiciais case nin se nos ve, só somos 2 no Tribunal Supremo e cero no Tribunal Constitucional". A presidenta recalcou que "non seremos capaces de acabar con estas cifras se non educamos en igualdade desde o berce, desde que poñemos un pé na terra".

Pola súa parte, o alcalde de Ponteareas coincidiu coa presidenta da Deputación en que a clave para acabar coas violencias machistas está na educación, "nas xeracións máis novas, na educación, é onde temos que cambiar e permutar a situación que nos permita acabar con esta problemática machista". Xosé Represas expresou que oxalá algún día actos coma este de hoxe non sexan necesarios, "pero iso só o lograremos concienciando á mocidade nesta loita".

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 mulleres artistas especialistas en diferentes artes como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer, na súa obra, un firme discurso en favor da igualdade e en repulsa da violencia machista. A súa cuarta edición comezou o pasado novembro en Vigo e en Pontevedra. En total, serán 25 accións en 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Salceda de Caselas, Ponteareas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán. Nas catro edicións que leva este programa téñense realizado 85 accións artísticas e teñen participado máis de 100 artistas.


Novas relacionadas

Mulleres en Acción Violencia Zero

15 decembro 2018, igualdade, ponteareas, violencia zero, mulleres en acción