Noticias

O programa da Deputación "Depo en marcha" 2019 inicia esta vindeira semana vintecinco obradoiros para preto de 500 persoas

No mes de setembro inaugúranse distintos obradoiros en ata 17 concellos da provincia ao abeiro da iniciativa da institución provincial


31 agosto 2019
Depo en Marcha

Ao longo da vindeira semana un total de 478 persoas comezarán na provincia 25 novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2019. Os obradoiros terán lugar nos municipios de Valga, Moaña, A Estada, Lalín, Soutomaior, Gondomar, Tui, A Guarda, Nigrán, Baiona, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Poio, Silleda, Cotobade e Vigo.

Máis polo miúdo, o luns 2 de setembro iniciaranse cinco obradoiros. En concreto, en Nigrán comezará o obradoiro Arte con Flores, que se impartirá os luns, de 19:30 h a 21 h, ata o 9 de decembro, para a Asociación Centro Cultural Recreativo Parada do Miñor. En Baiona tamén comezará o mesmo obradoiro, que terá, neste caso, horario de 16:30 h a 18:30 h e que será para a Asociación Centro Social e Cultural de Baiona. Por outra parte, na Guarda, a Asociación Recuperación do Traxe Galego participará nun obradoiro de panadería e repostería que terá lugar os luns, de 17 h a 20 h, ata o 4 de novembro. No caso de Poio, a partir deste luns e ata o 11 de decembro, as Mulleres en Igualdade acudirán os luns e os mércores, de 19 h a 21 h, a Ximnasia de Mantemento. Por último, o luns tamén comezará en Vigo o obradoiro Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil para a Asociación de Xubilados e Pensionistas AVOA, que se impartirá os luns, martes e mércores, de 16 h a 18:30 h, ata o vindeiro 25 de setembro.

O martes 3 de setembro arrancarán catro novos obradoiros. Na Guarda, a Asociación Érguete participará no obradoiro Plantas Medicinais os martes, de 18 h a 20 h, ata o 10 de decembro. Pola súa parte, a Asociación de Veciños Santo Paio de San Pedro de Campañó, Pontevedra, asistirá ao obradoiro Conservando a Memoria os martes, de 16:30 h a 18:30 h, ata o 10 de decembro. O mesmo día, en Redondela, comezará o curso Ximnasia de Mantemento ao que acudirán os martes e xoves, de 17 h a 18 h, usuarias e usuarios da Asociación de Veciños de Chapela. E as usuarias e usuarios do Centro Cultural La Feria, en Salceda de Caselas, asistirán a a un obradoiro de licores caseiros os martes, de 20 h a 22 h, ata o 10 de decembro.

Un día despois, o mércores 4 de setembro, comezarán 6 novos obradoiros. En Gondomar impartirase Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil os mércores, de 20 h a 22 h, ata o  11 de decembro, para a Asociación Cultural San Vicente de Mañufe. De pilates será o obradoiro ao que asistan os mércores, de 18 h a 19:30 h, ata o 18 de decembro, as persoas da Asociación Veciñal e Cultural de Moreira, de Soutomaior. Pola súa banda, en Baiona, a Asociación de Veciños Castro e Ladeira os mércores ata o 11 de decembro, de 19h a 21h, ao obradoiro Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil. No caso das Mulleres Veciñais do Castelo de Pontesampaio, de Pontevedra, estas acudirán ao obradoiro Conservando a Memoria os mércores, de 16:30 h a 18:30 h, ata o 11 de decembro. Tamén, os mércores ata o 11 de decembro, en horario de 20 h a 22 h, a Asociación de Veciños Escola da Feira, de Salceda de Caselas, acudirá ao obradoiro Tapiñas e Petiscos. Por último, este mércores 4 de setembro comezará na Estrada un de cociña galega que se impartira os mércores, de 18 h a 21 h, ata o 11 de decembro.

O xoves 5 de setembro serán dous os obradoiros de "Depo en marcha" que darán comezo. Por unha banda, en Soutomaior, a Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade asistirá a Arte con Flores, que terá lugar os xoves, de 19 h a 21 h, ata o 12 de decembro. Este mesmo obradoiro impartirase en Tui, de 10 h a 12 h, para o Centro Sociocomunitario.

Avanzando na semana serán cinco obradoiros os que arranquen o venres 6 de setembro e dous deles serán en Vigo. Na cidade olívica a Deputación de Pontevedra organizará dous obradoiros de Arte con Flores, un para a Asociación da Sociedade Cultural Recreativa e Deportiva Xestas, en horario de 17 h a 19:15 h, e outro para a Asociación de Mulleres Xestas, de 19:30 h a 21:45 h. Ambos os obradoiros rematarán o 20 de decembro. Pola súa parte, en Silleda, a Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada-Avecuco acollerá o obradoiro Pandeireta e Canto Popular, en horario de 19h a 21h, que rematará o 27 de decembro. No caso de Valga, usuarios e usuarias da Asociación de Xente Activa asistirán os venres de 16:30 h a 18:30 h, ata o 21 de decembro, a Ximnasia de Mantemento. Por último, este venres comezará en Moaña o obradoiro Conservando a Memoria, ao que asistirán persoas da Asociación Club de Xubilados e Pensionistas Santa Eulalia de Meira, de 16:30 h a 18:30 h, ata o 27 de decembro.

Por último, o sábado 7 de setembro darán comezo tres obradoiros máis. Por un lado, na Estrada, a Asociación de Mulleres Rurais San Xulián de Vea e Baloira asistirá a un obradoiro de cociña galega que se impartirá os sábados, de 16 h a 18:30 h, ata o 30 de novembro. En Cotobade, a Asociación de Veciños e Amigos Santiago de Caroi acudirá os sábados ata o 21 de decembro, de 17 h a 19 h, ao obradoiro Ximnasia de Mantemento. Para rematar, o mesmo obradoiro impartirase en Lalín para a Asociación Zobra Camiña. Neste caso as clases terán lugar en horario de 10 h a 11:30 h ata o 28 de decembro.

O programa "Depo en Marcha" 2019 contempla a organización de obradoiros de 30 horas de duración pola provincia de Pontevedra, englobados en oito grandes áreas temáticas: "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede". Os principais obxectivos deste programa son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade. Este ano, a empresa Xestión Cultural Aurea, S. L., é a encargada de xestionar o programa, que conta cun orzamento de 156.000 euros.