Noticias

O programa da Deputación de Pontevedra "Depo en marcha" 2019 inicia esta semana cinco novos obradoiros na provincia

Máis de 80 persoas participarán en novos cursos en catro concellos para favorecer o avellentamento activo e mellorar a súa calidade de vida


06 outubro 2019
Depo en Marcha

Un total de 83 persoas da provincia comezarán ó longo desta segunda semana de outubro 5 novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2019, organizado pola Deputación de Pontevedra. Os obradoiros iniciaranse nos municipios de Redondela, Meaño, Salceda de Caselas e Pazos de Borbén.

Deste xeito, en Salceda de Caselas dará comezo o martes día 8 unha nova acción denominada Cociña Galega, na que participarán 17 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Caselas-Salceda. O curso impartirase no CDL Torrón (Barrio Torrón, s/n) os martes, entre as 16 e as 19 horas, ata o 10 de decembro, data de finalización do obradoiro.

O mércores 9 e outubro, pola súa banda, darán comezo tres novas accións formativas. Destas, dúas serán no concello de Meaño e outra en Pazos de Borbén. Así, en Meaño iniciarase un curso de Cestería no que se inscribiron 15 integrantes da Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras O Corazón do Salnés de Meaño. A actividade, que se desenvolverá os xoves, entre as 19 e as 22 horas, terá como sede a Antiga Cámara Agraria (Praza da Feira, s/n) e finalizará o 11 de decembro. Internet, Correo Electrónico e Manexo do Móbil é o outro curso que comeza este mércores en Meaño da man da Asociación de Vecinos de San Juan. Este obradoiro, que conta tamén con 15 persoas inscritas, será os mércores, entre as 20.30 e as 22.30 horas, na rúa campo da Feira, núm. 16 e rematará o 18 de decembro.

En Pazos de Borbén dará comezo este mércores 9, a acción formativa Licores Caseiros, que contará coa presenza de 21 integrantes da Asociación de Vecinos El Carmen de la Parroquia de Nespereira. O curso será ata o 29 de novembro na Casa da Cultura de Nespereira e desenvolverase os mércores e venres, entre as 18 e as 20 horas.

Finalmente, o xoves 10 comeza en Redondela Conservas Artesanais. Esta actividade, que conta con 15 persoas do Centro Recreativo e Cultural de Redondela, terá lugar no Centro Cultural Trasmañó (estrada de Trasmañó, núm. 19) os xoves, entre as 19.30 e as 21.00 horas, ata o 26 de decembro.

Doutra banda, esta semana tamén rematan dous obradoiros do programa provincial. Este é o caso do curso Ioga, que se leva impartindo desde o 13 de maio na Casa Cultural de Cumiar, en Ponteareas, e no que participaron 16 persoas da Asociación de Vecinos San Esteban de Cumiar. Así, o día de finalización está programado para o 9 de outubro. Ximnasia de Mantemento, acción na cal participaron 15 persoas do Centro Cultural de Cillarga, tamén de Ponteareas, rematará o luns 7 de outubro.

O programa "Depo en marcha" 2019 espalla pola provincia de Pontevedra obradoiros, de 30 horas de duración, englobados en oito grandes áreas temáticas "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede".

Os principais obxectivos deste programa son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade. Este ano, a empresa Xestión Cultural Aurea, S. L. é a encargada de xestionar o programa, que conta cun orzamento de 156.000 euros.