Noticias

O portugués será a lingua ponte do VI Obradoiro Internacional de Tradución Poética

Tras cinco edicións utilizando o inglés como lingua vehicular, tratan de rachar coa súa hexemonía lingüística e apostan polo portugués como lingua internacional


09 outubro 2017
VI Obradoiro Internacional de Tradución Poética

A Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, o Instituto Camões, o Concello de Pontevedra e o Concello de Redondela presentaron esta mañá o VI Obradoiro Internacional de Tradución Poética "Con barqueira e remador", que volverá a celebrarse por sexto ano consecutivo na Illa de San Simón. Na presentación participaron a impulsora do proxecto, a poeta Yolanda Castaño, a coordinadora do obradoiro da edición anterior e tamén poeta, Dores Tembrás, a responsable do Instituto Camões, Carla Sofía Amado, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, a concelleira de Cultura e o alcalde de Redondela, Teresa París e Javier Bas, e o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

"O portugués vai demostrar a súa potencia como lingua internacional" asegurou a poeta Yolanda Castaño. Esta é a principal novidade do VI Obradoiro Internacional de Tradución Poética que, tras cinco edicións utilizando o inglés como lingua franca, racha coa posición hexemónica do idioma anglófono para apostar polo portugués como lingua vehicular. Hai que lembrar que o obradoiro, que está concibido como unha iniciativa cultural pioneira en Galiza e no Estado español, xunta durante unha semana a seis poetas que desenvolven un traballo de tradución a canda súa lingua da obra dos demais compañeiros e compañeiras, ao tempo que se somerxen na cultura galega. Para realizar este traballo de tradución utilizarán como lingua ponte o portugués.

As e os representantes das institucións participantes na presentación desta mañá coincidiron en salientar a importancia de que se manteña esta iniciativa que pon en valor tanto as linguas minorizadas, e nomeadamente o galego, como disciplinas con máis dificultades para entrar nos circuítos de difusión, como son a poesía e a tradución. Así, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, insistiu en que este obradoiro "está visibilizando un traballo de tradución no que o galego convive en pé de igualdade con outros idiomas, e demostra que podemos vivir e convivir no mundo en galego". Unha idea na que tamén se centrou a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, ao asegurar que "para nós este obradoiro forma parte dunha folla de ruta, que abrangue todo un traballo de defensa da nosa cultura e do noso idioma". Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, centrou a súa intervención na coincidencia de que mañá chegue a Galiza o Pergamiño Vindel ao que denominou "o berce disto que chamamos cultura galega". Por último, o alcalde de Redondela, Javier Bas, sinalou que "o que máis me agrada é que estamos varias administracións nun proxecto que nos une en torno á nosa lingua".

A VI Edición

A VI Edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética terá lugar entre o 16 e o 21 de outubro e contará con seis participantes. Procedente do Brasil pero de orixes italianas, participará a poeta, tradutora e investigadora Francesca Cricelli; desde Finlandia estará a escritora e xornalista Rita Dahl; desde Croacia, o poeta, narrador, deseñador gráfico e tradutor Tomica Bajsic; e desde China, o poeta, crítico e tradutor Hu Xudong. Nesta edición a representación do Estado español chega desde Asturias co editor, narrador e poeta en asturiano, Antón García; e desde a Galiza o representante será o poeta nacido en Cee, Estevo Craus.

Como vén sendo habitual, o obradoiro enriquecerase cun programa de actos complementarios para poñer en contacto ás e aos participantes co tecido sociocultural das tres cidades a través de recitais en actos públicos, abertos e gratuítos. A primeira parada será en Pontevedra, na Casa da Luz o mércores 18 ás 20 horas, nun recital que conta coa colaboración da AELG; a segunda en Vigo, o xoves 19 ás 20 horas, no Instituto Camões e en colaboración co Festival Kerouac, e a terceira en Redondela, o venres 20 ás 20 horas, na casa da cultura.

Cartografías subterráneas

Para difundir e facer máis accesible este traballo, a Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Publicacións, edita na colección Cíes a compilación dos poemas da pasada edición, nun libro coordinado pola poeta Dores Tembrás e titulado Cartografías subterráneas. A publicación presentarase esta tarde no Arquivo provincial, nun acto que contará coa presenza da propia Dores Tembrás, da impulsora do proxecto, Yolanda Castaño, e do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. "Este traballo tan intenso de tradución non o podía levar o vento, por iso se recolle a versión en galego nunha publicación" sinalou Yolanda Castaño. Este traballo de edición vénse facendo a través da Deputación de Pontevedra durante todas a edicións do obradoiro.

A presentación desta tarde incluirá un recital poético e unha pequena actuación musical. O libro é unha edición que recolle unha escolma da obra dos autores e autoras participantes no obradoiro do pasado ano: Ostap Slyvynsky, Tsvetanka Elenkova, Igos Kotjuh, Damir Sodan, Miriam Reyes e Dores Tembrás. Inclúe as versións orixinais dos poemas xunto ás traducións ao galego.

Ademais, para dar a coñecer este labor de tradución nos seus territorios de orixe, as e os poetas participantes difúndenos a través de publicacións especializadas, plataformas webs e revistas culturais.