Noticias

O Pontevedra B lévase a Copa Deputación tras desarborar ao Pontellas cunha remontada en catro minutos de furia


29 maio 2019
Final Copa de Fútbol Deputación 2019

Pontevedra  B: Cristian; Josiño, Anxo, Pacheco, Manu Otero (Guille, min. 72), Iñaki (David, min. 90), Garrido, Antón, Hugo (Tavares, min. 90+2), Brais (Marcos, min. 55) e Rivera (Fernando, min. 90+5).

Pontellas: Unai; Pablo, Elías, Antón, Dia (Rizo, min. 90), Maikel, Diego Blanco (Hugo, min. 65), Javi, Loito (Serxio, min. 72), Berto e Nando (Iago, min. 65).

Árbitro: Tomás Balboa. Amoestou a Garrido e Cristian, do Pontevedra B, e a Serxio, do Pontellas.

Goles: 0-1 ( min. 52), Nando. 1-1 ( min. 84), Rivera. 2-1 ( min. 88), Guille.

Incidencias: A Lomba, en Vilagarcía de Arousa. No palco de autoridades, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, a deputada de Deportes, Chelo Besada, as presidentas de Pontevedra CF e CD Pontellas, Lupe Murillo e Marta Costas, ademais do edil de Deportes de Vilagarcía de Arousa, Argimiro Serén, entre outras autoridades. Na bancada, maioría de afeccionados do Pontellas, entre os que tamén se atopaba Abel Estévez, presidente do BM Porriño. Carmela Silva, presidenta da Deputación, entregou a copa de campión ao Pontevedra B.

A Copa  Deputación xa ten merecido substituto tras catro anos de reinado do Choco: o Pontevedra B, que se baleirou ata o final e tivo fe cando lle ían mal dadas. Nunha tempada para enmarcar dos de Sergio Moreira, fíxose coa final, coa copa de campión e cos 5.000 euros para o vencedor do encontro á conta dun bo Pontellas, que pagou con fartura as ocasións falladas e ao que queda o consolo dos 4.000 euros de premio. O técnico do Pontellas, o vigués José Luis Curiel, non puido quitarse a espiña da final perdida en 2012 co Atios #ante o Grove. Outra vez será.

Desde logo, houbo máis final que nas anteriores edicións, porque os dous equipos chegados ao choque decisivo demostraron os méritos do seu ascenso de categoría, a Terceira División o Pontellas como campión e a Preferente Sur o Pontevedra B como subcampión.

De feito, só decidiuse por unha xenialidade de Rivera, que driblou a varios rivais en paralelo para conectar un zapatazo de zurda pegado á dereita da meta de Unai –imparable–, e por unha pifiada da zaga porriñesa, que permitiu que Guille fusilase a un vendido Unai. Incomprensible? Non. Foi un acto de fe.

O primeiro período desenvolveuse como unha sorte de medos, respecto… e tamén de ocasións falladas polo Pontellas, que tivo varios remates (Berto, Javi e Nando), varios fose e un con man excelente de Cristian, e mostrouse máis ambicioso que o seu rival nun partido no que o conxunto porriñés fíxose pronto coa posesión do coiro. Maikel levaba o mango sacando o balón desde atrás e o Pontellas buscaba as bandas ou a pelexa da súa "9", Nando.

O cadro granate limitábase a xogar ordenado e a buscar as súas opcións a balón parado. O 0-0 do descanso outorgáballe máis aire que ao seu rival, con máis ocasiones pero que non traducía en gol, ben por falta de puntería, ben por un par de excelentes paradas do gardameta do filial.

Ata que chegou o tanto porriñés. Nando, Fernando Sánchez, apareceu na continuación para conectar un soberbio croque e asinar o seu cuarto gol copeiro. Ao Choco fixéralle o definitivo 2-0 para darlle matarile ao campión de copas en semifinais. O xogo por bandas acababa de sentenciar aos da capital. Ou non. Porque o efecto converteuse no contrario, nun boomerang. O filial lanzouse con valor sen nada que perder. Iñaki avisaba con dúas ocasións, Unai salvaba o empate no 74 a dobre oportunidade de Rivera e Hugo e o partido facíase cachizas. Xa non había lugar para a táctica, só para o físico, para pelexar cada bóla, para queimar a adrenalina da final. E niso gañou o Pontevedra B, máis enteiro na recta final.

A afección do Pontellas empezaba a sentilo. O seu equipo perdera o control do xogo. E chegou o ‘ Riverazo'. Un señor gol que o cambiou todo. O Pontellas se desnortou, un balón que bota, na área, que a zaga quere xogar no canto de romper… e  Guille rompía definitivamente o partido (2-1). Gol e carreira cara ao banco para celebrar o tanto co seu adestrador e compañeiros. A tolemia.

Houbo sete minutos de prolongación, pero o Pontellas xa non soubo nin colgar balóns. A Copa Deputación abandona Redondela e instálase en Pasarón. Gloria ao novo campión. 

Fotos