Noticias

O Pontegal pecha as inscricións con 1.346 grupos acollidos

Contabiliza 44 grupos máis que o pasado exercicio e os maiores incrementos de inscricións obsérvanse nas categorías de teatro e música tradicional. Como novidade inclúe a categoría 'audiovisual', que conta con 10 inscricións


03 mar 2016

A lista definitiva de grupos acollidos ao Pontegal 2016, que estará accesible na páxina web da Deputación a partir da próxima semana, contabilizou un total de 1.346 grupos, 44 máis que no pasado exercicio. Este programa inclúe como novidade unha categoría dedicada aos audiovisuais en galego, que contabilizou un total de 10 inscricións. Os maiores incrementos en número de grupos inscritos prodúcense nas categorías dedicadas a teatro, que se incrementa en 8; na de música clásica, con 9 novas inscricións; e nas correspondentes a música tradicional como pandeireteiras, grupos de gaitas, grupos folclóricos e grupos de folk, con 29 novas inscricións. Esta lista será aprobada pola Xunta do Goberno provincial desta semana.

O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, lembrou que "este plan nos permite colaborar  cos concellos, apoiándoos nas súas programacións culturais para que poidan acceder a unha oferta ampla de disciplinas e opcións para os seus eventos, mentres que os grupos e artistas dispoñen dun circuíto no que ofertar o seu traballo". Xosé Leal fixo fincapé en que "o Pontegal tamén está concibido como un instrumento de normalización da lingua galega, fomentando o seu uso social de xeito transversal". Segundo as bases do Pontegal poden solicitar as actuacións destes grupos os concellos e as asociacións sen ánimo de lucro. As solicitudes deben presentarse cunha antelación superior aos 45 días da data da realización do evento e o Servizo de Cultura e Lingua, pola súa banda, informará da autorización do evento cunha antelación mínima de 30 días. Tamén se inclúe, na edición 2016, a obriga de que a publicidade destas actuacións e eventos se faga en lingua galega, empregar a linguaxe non sexista e introducir o logo do Pontegal 2016-Deputación de Pontevedra nun lugar visible -que tamén se pode descargar da páxina web da Deputación-. O non cumprimento destes requisitos supón a exclusión da axuda. A axuda consiste en que o ente provincial retribuirá o importe correspondente a cada actuación, segundo a táboa que se especifica nas bases, mentres que o concello ou asociación solicitante terá que asumir o resto do caché do grupo. A adxudicación das actuacións apostará polo equilibrio territorial na repartición de fondos e determinarase aplicando ademais criterios tales coma a dinamización da lingua galega, cun 30 %, a incursión das actuacións en programacións de carácter social, tamén cun 30 %, a adecuación da actuación ao interese supramanicipal, co 20 %, e o número posible de beneficiarios do evento, co 20 %. En todo caso, o importe total das actuacións autorizadas para un mesmo evento non poderá superar os 1.200 euros


Novas relacionadas

Pontegal

14 decembro 2017, pontegal, igualdad de género, igualdade de xénero, lengua gallega, lingua galega
Pontegal

15 marzo 2017, galego, música, pontegal, gallego, grupos