Noticias

O Plan Concellos achega outro millón de euros para investimentos a nove concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra leva aprobado o 49,3% da liña 1, cun importe total ata agora de máis de once millóns de euros


03 xuñ 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas axudas a nove concellos da provincia, cuns investimentos totais de 963.049,95 €, das que se beneficiarán Barro, O Grove, Marín, Forcarei, Moraña, Vila de Cruces, Vilaboa, Tui e Mos. No que vai de ano, o Goberno provincial leva investidos 11.528.926,64 € nos concellos da provincia dentro da liña 1 do Plan Concellos 2016, o que supón un grao de execución do 49,3%.

O concello de Barro recibirá 62.653,16 € para a mellora dos accesos á fonte de Curro e Porráns, e con esta nova achega, a Deputación leva aprobado o 87,4% do total destinado ao municipio no marco do plan. Así mesmo, o concello do Grove beneficiarase de 67.587,96 € para o proxecto técnico do Auditorio e a Escola de Música, cun grao de execución así do 43,5%. O municipio de Marín vai recibir 176.675,79 € para a reposición de pavimentos en camiños do rural, co que a achega do Plan Concellos ata agora queda no 37,5%. Para Forcarei aprobouse unha contía de 80.341,44 € para a pavimentación da vía municipal do cemiterio de Meavía, cun grao de execución así do 71,3%. En Moraña investiranse 124.398,09 € na senda peonil da Alberguería a Santa Margarita e con esta achega complétase o 100% de execución do Plan Concellos 2016 neste municipio.

Vila de Cruces recibirá 63.521,26 € para a mellora do camiño entre Barral e Fontarcada e o muro de contención de Outeiro, co que o grao de execución do Plan Concellos se sitúa no 68%. En Vilaboa vanse investir 60.499,99 € na reparación de fochancas en pistas municipais e o aprobado ata agora é do 58,6%. A Tui destínanse 127.372,26 € para a adquisición dun vehículo para os servizos municipais e para a restauración do palco da música do Cantón de Diomedes e así o grao de execución do Plan queda no 39,5%. Por último, o concello de Mos recibirá 200.000 € para a humanización do Camiño das Pozas entre San Mauro e o pavillón multiusos municipal, o que supón unha execución do 48%.