Noticias

O Plan Concellos achega máis de 32.500 € ao Concello de Arbo para un muro en Tallo-Quinteiro (Cabeiras)

O goberno provincial entregou xa o 66,7 % do total destinado ao municipio dentro do Plan Concellos 2016, o que supón un investimento de 235.797,45 €


01 xuñ 2016

A Deputación de Pontevedra, mediante resolución presidencial,  vén de aprobar unha achega económica de 32.516,69 € para o concello de Arbo, que se destinará ao investimento dun muro en Tallo-Quinteiro (Cabeiras). Trátase dunha contía incluída dentro da liña 1 -investimentos- do Plan Concellos 2016 da institución provincial.

Ao abeiro da liña 1,  esta cantidade vén sumarse ás xa entregadas anteriormente, unha de 52.812,01 para a ampliación e mellora das redes de saneamento e abastecemento en Cabeiras, Almuíña e Coto e outra de 49.906 € para a merca dun tractor. Así mesmo, dentro da liña 2 achegáronse 11.482,38 € para gastos correntes e outros 13.256,17 € na liña 3 -actividades culturais, deportivas, musicais e medioambientais- para financiar "Divertilandia", o concurso de carteis "LVI Festa da Lamprea", o servizo de atención psicolóxica, o IV Certame de Corais Vila de Arbo, o Verán Cultural 2016, o Entroido e o Torneo de Fútbol Vila de Arbo. Na liña 4 -plans de emprego- dende o Goberno provincial investiuse un total de 75.823,20 € para a contratación de 15 traballadores e traballadoras para realizar diversas tarefas municipais.

A Deputación de Pontevedra leva investido en Arbo un total de 235.797,45 € en 2016, o que representa o 66,7 % do total destinado ao municipio dentro de Plan Concellos 2016.