Noticias

A Deputación de Pontevedra e o CSIC poñen en valor "O ouro dos castros" cunha charla divulgativa sobre a ourivería galega

A sesión, para a que aínda quedan prazas dispoñibles, terá lugar este sábado no Pazo de Liñares e correrá a cargo de Xosé-Lois Armada


04 xuño 2021

Os tesouros que esconden os xacementos arqueolóxicos son innumerables. En Galicia destacan as pezas de ourivería castrexa nas que Xosé-Lois Armada, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC en Santiago de Compostela, centrará este sábado a derradeira das conferencias do ciclo de charlas divulgativas que se están a realizar na provincia a través do convenio entre a Deputación e o CSIC. Baixo o título "O ouro dos castros", Armada presentará no pazo de Liñares algunhas das últimas novidades da investigación da ourivería castrexa. A cita terá lugar ás 18:00 horas.   

A provincia de Pontevedra ten unha rica tradición ourive que se remonta á prehistoria e que deu lugar a unha xoiería de marcada personalidade. Tal é así que a ourivería dos nosos castros é unha das máis relevantes da Europa occidental, tanto polo número de pezas atopadas como pola súa calidade técnica. Entre elas os torques e as arracadas (os adornos de orella) son os obxectos máis frecuentes que se teñen atopado nos xacementos e constitúen auténticos emblemas identitarios.

A charla está aberta a todas as persoas que queiran coñecer os avances que o CSIC realizou nos últimos anos no coñecemento destas pezas grazas á aplicación de diversas técnicas analíticas. Aínda quedan prazas dispoñibles para asistir a esta charla. Todas as persoas que queiran gozar delas deberán reservar o seu asento previamente no 986 181 423, de 11 a 14 e de 17 a 20 horas.

A través do convenio entre a Deputación e o CSIC leváronse a cabo desde o mes de marzo unha serie de conferencias que tiveron por obxectivo a investigación e a posta en valor como recurso turístico dos castros da provincia. En concreto, o IES Chano Piñeiro de Forcarei e o IES Pintor Colmeiro de Silleda acolleron sendas charlas destinadas ao seu alumnado, e en Cuntis tivo lugar unha conferencia aberta a toda a cidadanía. Ademais, cómpre lembrar que o Museo de Pontevedra conta nos seus fondos con algúns dos conxuntos máis salientables da ourivería prehistórica e castrexa de Galicia: o Tesouro de Caldas, o de Foxados ou o coñecido como Tesouro Bedoya.

Charlas de arqueoloxía