Noticias

O novo Servizo de Cohesión Social medrou os seus orzamentos nun 11 por cento para o ano 2016

Os deputados Digna Rivas e Carlos Font presentan os distintos programas de axudas e subvencións para concellos e asociacións e entidades


14 abr 2016
cohesión social

Os deputados Carlos López Font e Digna Rivas presentaron hoxe en rolda de prensa o renovado Servizo de Cohesión Social e Xuventude, que conta cunha nova filosofía baseada nos dereitos e a igualdade das persoas para acceder aos servizos e non en criterios de beneficencia.

Carlos Font, que desgreñou os programas de Cohesión Social, subliñou que o novo goberno da Deputación de Pontevedra aposta "moi forte polos servizos sociais nun momento de crise económica e onde moitas persoas o están a pasar mal, como o demostra o incremento dun once por cento do orzamento, que pasou de 3,6 millóns de euros no 2015 a 4,1 millóns para o 2016".

Este compromiso é o que levou a dotar as axudas de emerxencia social aos concellos da provincia con cen mil euros máis en 2016, achegándose ata os 465.000 euros, o que representa un 27 % máis de fondos. Estas axudas serven, como recordou o deputado, para que os servizos sociais dos concellos poidan atender pagamentos en facturas de alimentación, luz, medicamentos, etc. das persoas con problemas económicos.

Entre as outras axudas e subvencións coas que conta a Deputación en Cohesión Social o deputado destacou os 700.000 euros en axudas a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades de servizos sociais ou sociosanitarios.

Para a implantación de proxectos sociais a través de entidades de iniciativa social que realicen actividades de servizos sociais ou sociosanitarios destínanse outros 200.000 euros. As entidades prestadoras de servizos sociais tamén poderán pedir subvencións para o programa "En ruta coa Depo 2016", cuxas bases van ser aprobadas mañá venres en Xunta de Goberno, co fin de fomentar o asociacionismo dinámico e saudable entre os maiores e a xuventude. Este programa conta cunha partida inicial de 238.000 euros.

Para as entidades de maiores e xubilados contémplase o programa "Depo en marcha 2016", cunha partida económica de 120.000 euros e que é gratuíto para os participantes, destinado a favorecer o envellecemento activo.

O novo proxecto "Tecendo lazos 2016", cun orzamento de 60.000 euros, vai dedicado ás familias dos concellos de menos de 50.000 habitantes co fin de desenvolver talleres interxeracionais. Unha aposta nova para traballar nas relacións entre os maiores e os mozos.

No que respecta aos programas dos concellos dedícanse 2.178.948 euros para o plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais e os servizos de axuda no fogar.    

Para o servizo de teleasistencia nos concellos de menos de 20.000 habitantes dedícanse 53.500 euros, cantidade igual á do ano pasado.

Por último, está o programa "Depotermal 2016", destinado ás persoas empadroadas na provincia pensionistas ou que precisen dun respiro familiar, co fin de fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida. Neste proxecto inclúense 434 prazas gratuítas que se reparten dun xeito proporcional entre os concellos da provincia para que sexan os servizos  sociais os que dispoñan delas. 

Pola súa banda, a deputada Digna Rivas sinalou a importancia de contar, por primeira vez dentro do Servizo de Cohesión Social, cun apartado dedicado á xuventude, algo co que ata o de agora non contaba a Deputación de Pontevedra.

Rivas destacou o proxecto "DepoArte", do cal acabamos de aprobar as bases da primeira edición deste programa, destinado a mellorar a participación activa das mozas e mozos no desenvolvemento sostible, económico e social desta. Este programa conta cun orzamento de 100.000 € para ofrecerlle á mocidade de entre 14 e 30 anos dos concellos de menos de 50.000 habitantes actividades innovadoras e modernas, dinamizadoras, educativas e de lecer. En concreto, ofértanse actividades agrupadas en cinco áreas: "MúsicARTE" (break dance, rap, funky, hip-hop, e o teu corpo: un instrumento); "RúARTE" (slackline, monopatín e sobre rodas); "UrbanARTE" (graffitti, xogos malabares e monólogos na rúa); "CreARTE" (crea a túa historieta, crea o teu fanzine e curtametraxes co móbil) e "CociñARTE" (a cociña da avoa, cociña en verde, o mundo no prato, endúlzate e cocteleira e batidos sen alcohol).

Un programa de linguas estranxeiras, axudas para entidades asociativas da xuventude e unha plataforma web para os mozos e as mozas, que sirva de ponte para o intercambio de experiencias e información, son outros dos plans que se van desenvolver nos próximos meses, segundo informou Digna Rivas.

Por último, a deputada subliñou o desenvolvemento dunha "Xornada da Xuventude" a nivel provincial, que terá lugar no mes de maio e que pretende informar e orientar sobre todos aqueles temas de interese xuvenil, incentivar a participación da mocidade na súa realidade social e establecer canles de participación entre as entidades públicas e a xuventude.