Noticias

O Museo retoma as xornadas de educación patrimonial adiadas en 2020 con representantes do Prado, o Thyssen e museos e universidades punteiras do Estado

Está aberto o prazo de inscrición e de presentación de ‘pósters'


10 setembro 2021
Museo

O Museo de Pontevedra retomará no mes de novembro a realización das I Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial que fora adiada na primavera de 2020 por causa da pandemia. O evento, organizado polo Museo de Pontevedra e a USC, suporá unha cita de relevancia para o mundo da acción cultural e converterá Pontevedra no epicentro da investigación e a innovación sobre a difusión do patrimonio con representantes do Museo do Prado, o Thyssen, o Museo de Cádiz ou a Rede museística de Lugo, as universidades de Santiago de Compostela, Vigo, Madrid, Valladolid, Murcia , Huelva, País Vasco ou Porto, entre outras entidades.

A inscrición é totalmente gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación, mais debe formalizarse na web https://epatrimonial-museopontevedra.depo.gal/ ata o 31 de outubro. Pola súa banda, as persoas interesadas en presentar ‘pósters' deberán facer unha solicitude previa indicando a temática e autoría até o día 1 de outubro. Unha vez aprobada deberán enviar o texto definitivo antes do 25 de outubro de acordo co formato e as normas previstas. As sesións de presentación e debate serán coordinadas para promover o diálogo e a participación, e as aportacións, que poderán acompañarse dun breve texto explicativo, serán publicadas polo Museo de Pontevedra en formato electrónico.

Segundo explica o director do Museo, Xosé Manuel Rey, a educación patrimonial é un dos aspectos fundamentais a desenvolver no programa de traballo da institución pontevedresa, unha liña de acción desde a que se promoverán moitas iniciativas: a renovación da oferta cultural e educativa, a reordenación de obradoiros e todo o que ten que ver coa mediación cultural. "A educación patrimonial permite xerar actitudes proactivas cara aos elementos culturais, e contribúe a entender o patrimonio como elemento de reafirmación cultural e identitaria nas comunidades ás que pertence, no caso do Museo, tendo en conta a relación co contorno na que se move, a cidade en xeral, e coa comunidade local máis próxima", afirma Rey.

Baixo esta premisa o Museo decidiuse a organizar as xornadas de educación patrimonial en colaboración co grupo ‘Roda' da USC. O obxectivo é que o evento se converta nun foro para a posta en común de diferentes experiencias que se están desenvolvendo tanto en Galicia como noutros lugares de España e Portugal, grazas a actividade que promoven equipos de educación e acción cultural dos museos, investigadores universitarios e persoas relacionadas coa educación patrimonial.

O programa inclúe tres relatorios a cargo de: a coordinadora do Observatorio de Educación Patrimonial de España, Olaia Fontal, da Universidade de Valladolid; a coordinadora xeral de Educación do Museo do Prado, Ana Moreno; e o responsable da área de Educación do Museo Thyssen-Bornemisza, Rufino Ferreras. Así mesmo prográmanse tres mesas redondas coa participación de persoas investigadoras e profesionais vinculadas con museos e universidades, e sesións interactivas abertas para debater sobre as iniciativas de educación patrimonial que se presentan en forma de `pósters´ polas persoas inscritas.