Noticias

O Museo de Pontevedra bate un récord histórico e supera as 150.000 visitas

O pasado ano o conxunto dos edificios visitables sumaran 107.478 visitas en todo o exercicio


22 novembro 2017
Inauguración no Museo

"O Museo de Pontevedra é un dos museos históricos de maior relevancia do noroeste da península e, nesta categoría, o museo de referencia a nivel galego, e o noso traballo para situalo no circuíto cultural que se merece está dando os primeiros froitos" asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, tras coñecer que a día de hoxe se acadou a cifra de 150.000 persoas visitantes, un dato que incrementa considerablemente as cifras acadadas en anos anteriores. Hai que lembrar que no ano 2016 contabilizáranse 107.478 visitas. Sobre este incremento na afluencia de público, o deputado nacionalista tamén salientou que "o traballo técnico, realizado con grande rigor e profesionalidade por parte do equipo do Museo, é un dos piares fundamentais da institución pero é preciso apostar por novas maneiras de comunicar e acadar presenza entre a sociedade". A este respecto cita expresamente o incremento de propostas expositivas relacionadas con artistas emerxentes, como é o caso da mostra resultante das bolsas do Certame Novos Valores ou a liderada polo Colectivo Secuela –conformado por artistas recentemente licenciadas na Facultade de Belas Artes–, ou iniciativas que permitiron experimentar os fondos do Museo doutro xeito como o ciclo "Visitas cruzadas", que se desenvolveu durante o mes de maio.

Por edificios visitables, o 62 % das visitas corresponde ás ruínas de San Domingos con 92.994 visitantes, o 37,5 % ao Sexto Edificio e ao Edificio Sarmiento con 56.326 visitas, e o 0,5 % á Sala de Investigación con 783 usuarios e usuarias que fixeron uso deste servizo.

En canto ás exposicións temporais que conformaron a programación do ano 2017, ate o momento a de máis éxito en canto a número de visitas segue sendo "Soños" de Miguel Vidal, que recibiu un total de 9.438. Esta mostra, comisariada por Ramón Rozas, supuxo a primeira gran exposición de fotografía contemporánea monográfica que acolleu o Sexto Edificio, e foi, ademais, a primeira mostra individual do fotógrafo pontevedrés Miguel Vidal no Museo de Pontevedra. En número de visitantes, séguenlle a de Manuel Moldes con 8.774; a mostra antolóxica de Luis Caruncho que chegou aos 7.861; a exposición coa obra seleccionada Novos Valores 2017 con 7.137; a proposta "De María Vinyals a María Lluria" que acadou un total de 4.390 visitas; a exposición composta pola obra resultante das bolsas outorgadas aos catro gañadores e gañadoras do Certame Novos Valores 2016 que acadou 4.037 visitas; e "Iso segue o seu curso", a mostra resultante do Máster de Creación Contemporánea promovido pola facultade de Belas Artes, con 3.177 visitas.

Convén lembrar que o claustro do Edificio Sarmiento acolle neste momento a exposición temporal "Os mundos de Carlos Casares", centrada no universo literario e persoal do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2017. Esta mostra, que foi inaugurada o pasado 8 de novembro, permanecerá no Museo de Pontevedra ata o domingo 26 de novembro, para despois continuar a súa itinerancia por Lugo e Xinzo de Limia, lugar este último onde quedará exposta de forma permanente. O broche final na programación deste exercicio no Museo de Pontevedra corresponderá á obra do artista pontevedrés de marcada proxección internacional, Jorge Castillo, cunha mostra retrospectiva que se poderá visitar entre o 30 de novembro e o 28 de xaneiro de 2018.