Noticias

Jorge Castillo trae ao Museo de Pontevedra obras que se expoñen por primeira vez en España

A mostra retrospectiva sobre a obra deste pintor pontevedrés de proxección internacional poderá verse no Sexto Edificio desde o 30 de novembro ata o 28 de xaneiro


28 novembro 2017
Jorge Castillo

"Agora temos moi doado viaxar e coñecer a obra doutra persoa, pero nos anos 50 e 60 viaxar e ser recoñecido e que te valorasen como un dos novos valores a nivel internacional non ten parangón." Con estas palabras trataba de explicar a comisaria Pilar Corredoira, a repercusión da obra do artista pontevedrés Jorge Castillo, durante a presentación da mostra que se inaugurará o vindeiro xoves ás 20:00 horas no Sexto Edificio. Na presentación, que estivo protagonizada polo propio artista e pola comisaria, tamén participaron o director do Museo, Carlos Valle, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Baixo o título ‘A visión dunha obra' proponse un percorrido retrospectivo a través de pezas, fundamentalmente pictóricas, que abranguen desde o ano 1952 ata 2017. Destacan particularmente os tres cadros de grandes dimensións que compoñen o famoso ‘Triptico de Palomares', sobre a caída da bomba nuclear americana no Mediterráneo cerca das costas da localidade almeriense de Palomares, e que participou na Documenta de Kassel en 1968 e que, ademais, segundo indicou a comisaria, nunca antes foi exposto no Estado español. Pilar Corredoira engadiu, para dar mostra do carácter pioneiro de Jorge Castillo en canto a presenza internacional que "cando a súa obra foi seleccionada para participar na Documenta, por desgraza aquí non se coñecía aínda a Documenta, que non comezou a soar ata principios dos 80 cando participaron outros artistas españois como Barceló". Pola súa banda o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, amosouse especialmente contento de "rematar a programación deste ano cun artista da talla de Jorge Castillo, e cunha gran mostra coma esta na que temos postas moitas expectativas". Leal lembrou que esta exposición coincidirá co 90 aniversario da fundación do Museo de Pontevedra –30 de decembro– manifestou a súa ledicia de que dita efeméride "coincida coa exposición dun artista de renome meréceo o Museo, meréceo Jorge Castillo, e meréceno todos os galegos e as galegas".

A mostra, que se poderá ver no Sexto Edificio ata o 28 de xaneiro, é a terceira que a obra de Jorge Castillo protagoniza en Pontevedra, contando todas coa participación e patrocinio da Deputación e do Museo de Pontevedra. A este respecto, Carlos Valle considerou "un privilexio que Castillo estea nestes momentos en Pontevedra" e asegurou o propio Jorge Castillo "está especialmente contento de poder exhibir aquí a súa visión como artista e desde o primeiro momento acolleu esta mostra como un neno con zapatos novos". Unha idea que corroborou o propio Jorge Castillo ao asegurar que "identifico a Pontevedra, e a Galicia toda ela, como o lugar ao que pertenzo". O pintor aproveitou para darlle os parabéns á comisaria pola "mostra tan ben preparada e organizada con moito coidado e con moito amor", insistindo en amosarse "feliz de estar aquí, que é onde nacín e onde sempre fun moi ben acollido".

A busca da emoción

"O meu traballo foi sempre a busca dunha emoción". Así tratou de definir o propio autor a súa obra. Castillo indicou que a mostra parte da década de 1950 porque "é cando comecei a pintar en serio". Desa primeira etapa é da que se inclúen menos pezas posto que é a "está máis repartida en coleccións e non é doado chegar a elas". Tamén sobre as diferentes etapas da súa traxectoria falou o pintor, explicando que "todos os artistas cambian de etapa porque tamén vai cambiando como persoa, que é a maneira de avanzar no camiño".

Jorge Castillo, nacido en Pontevedra en 1933, emigra de pequeno a Arxentina para regresar a Madrid con 22 anos. Desde entón vive e traballa en cidades como Barcelona, París, Berlín, ou Nova Iorque, e a súa obra está recollida en numerosas coleccións e pode verse en museos de Europa, América do Sur e Estados Unidos, desde a galería Malborough ou o Museo Guggenheim de Nova Iorque, ata museos galegos como o CGAC ou o propio Museo de Pontevedra. Ademais da súa obra ocupáronse e ocúpanse os máis destacados historiadores da arte. "Non é habitual que un artista español teña esta proxección" asegurou Pilar Corredoira tras explicar a súa traxectoria artística. A comisaria definiuno ademais como "un dos artistas máis importantes que xurdiron na segunda metade da século XX" e manifestou a súa esperanza de que "esta exposición non a esquezan en moito tempo".

Fotos