Noticias

O liderado feminino e as cidades sostibles centrarán a xornada final da Escola María Vinyals sobre o liderado das mulleres e a Axenda 2030

A vicepresidenta do Goberno, Teresa Ribera, e a presidenta do Consello do Estado, M.ª Teresa Fernández de la Vega, participarán nos actos de apertura e clausura


28 abril 2021
Escola María Vinyals sobre o liderado das mulleres e a Axenda 2030

Tras a primeira sesión, na que máis de 300 persoas reuníronse en liña para escoitar a mulleres da sanidade, educación, ciencia e da investigación como África González, Tatiana López, Ana Concheiro, Capitolina Díaz, Elena Rivo e Elena Vázquez, este xoves 29 de abril terá lugar a segunda parte da xornada "A Axenda 2030 e o papel das mulleres na Administración pública do futuro", organizada pola Deputación de Pontevedra e a USC, na que se afondará no liderado feminino nas institucións públicas e nas cidades sostibles. A vicepresidenta do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, intervirá no acto de apertura, e a presidenta da Consello do Estado, M.ª Teresa Fernández de la Vega, farao na clausura xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, e á avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.

Máis dun centenar de persoas xa están inscritas para asistir, de maneira telemática, á derradeira cita de "A Axenda 2030 e o papel das mulleres na Administración pública do futuro", impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals. O prazo seguirá aberto ata o propio xoves ao través da web institucional da Deputación na ligazón /xornada-a-axenda-2030-e-o-papel-das-mulleres-na-administracion-publica-do-futuro

A sesión comezará, ás 9:30 h, co acto de apertura e a primeira mesa que versará sobre "O liderado feminino na Administración e o seu avance cara unha igualdade real". Será moderada pola Valedora do Pobo, Dolores Fernández, e participará a directora Financeira e de Orzamentos da OCDE, Ana José Varela, a presidenta da Asociación de Mulleres no Sector Público, Concepción Campos, e a titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Margarita Pajaró.

"Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas" será a segunda e última mesa de debate na que a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, M.ª Xosé Rodríguez Galdo, conversará coa concelleira de Territorio e Acción polo Clima de Vitoria-Gasteiz, Ana Oregui, coa xornalista especialista en comunicación e redes sociais na Administración pública local, Amalia López, e coa interventora da Administración local e directora do ORAL da Deputación, Inmaculada Viña. A partir das 13:00 horas terá lugar a clausura da xornada na que intervirán a presidenta do Consello do Estado, M.ª Teresa Fernández de la Vega, xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, e á avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.

A xornada "A Axenda 2030 e o papel das mulleres na Administración pública do futuro", estase a desenvolver de forma semipresencial e en liña desde o salón de plenos da Deputación de Pontevedra. Nela, máis de vinte expertas están a debater e a reflexionar sobre a necesidade da voz das mulleres e o liderado feminino na xestión da Axenda 2030 e a consecución dos ODS, afondando en eidos como o socio-sanitario, a investigación, a ciencia, a educación pública, o liderado institucional, o urbanismo sostible e o mundo local.