Noticias

O IES Ricardo Mella de Vigo acolle este venres a visita guiada á mostra integradora da Deputación "Sorrisos transformadores"

A exposición, impulsada en colaboración con ARELAS, está no instituto vigués desde o pasado luns e poderá visitarse ata o vindeiro 6 de xuño


23 maio 2019
sorrisos transformadores

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, participará este venres, ás 11:45 horas, nunha visita guiada pola exposición "Sorrisos transformadores" no IES Ricardo Mella de Vigo. O centro educativo está a acoller a mostra da Deputación, en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS, desde o luns 20 de maio. Esta iniciativa dá visibilidade ao colectivo LGTBI e estará aberta ao público ata o 6 de xuño, de luns a venres de 8:30 h a 14:30 h. A actividade deste venres tamén contará cunha charla-coloquio impartida por Cristina Palacios, presidenta da Asociación ARELAS. A ela asistirá o alumnado e o profesorado do centro educativo.

"Sorrisos transformadores" é unha exposición fotográfica que ten por obxectivo a reflexión, por parte da cidadanía, sobre a realidade do colectivo trans e a prevención de actitudes discriminatorias, e pretende sensibilizar sobre a realidade destas persoas co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade. Trátase dunha mostra itinerante que está percorrendo distintos concellos da provincia de Pontevedra e tamén algún outro emprazamento fóra da provincia, coma Betanzos ou a Universidade de Santiago de Compostela. A exposición consta de dez fotografías de Noemí Chantada que amosan dez realidades de persoas trans e doutras persoas que non o son, pero que pola súa profesión están moi vinculadas coa súa realidade. Todas as imaxes reflicten persoas alegres, orgullosas, positivas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Ademais, cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a persoa protagonista ou sobre a súa contorna.

A finalidade de "Sorrisos transformadores" é dobre. Por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero, e por outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero.